“Quen gravou en San Sadurniño?” será a segunda estrea dixital do Chanfaina Lab

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Guillermo Arias-Carbajal é o autor dunha curta que tenta reflectir dalgún xeito “a memoria de San Sadurniño”. Ou iso é o que asegura na presentación da peza protagonizada por el mesmo. Pero unha cousa é o que di o director e outra o resultado final, que nin sequera se aproxima ao concepto inicial e tira por outro camiño cargado de retranca que delega todo o mérito nunha cámara con vida propia. Un camiño, iso si, que non é froito da improvisación, senón dunha idea preconcibida e ben traballada… aínda que o autor nos queira convencer do contrario. “Quen gravou en San Sadurniño?” é a segunda peza que se estrea na plataforma falamedesansadurnino.org tralo exitoso arranque do venres pasado de “Café-bar Santos peluquería”, de Sonia Méndez.

Guillermo Arias-Carbajal Alonso (Madrid, 1983) formouse como fotógrafo na Coruña e como director e guionista na escola de cine Pedro Almodóvar de Alcorcón. O seu haber creativo conta con catro curtas e coa longametraxe “El Poema, El Cuadro, El Disco”, estreada no BAFICI de Bos Aires, ademais de varios videoclips.

Arias-Carbajal defínese como un “pallaso habitual, cineasta ocasional” que volca esa filosofía de vida en pezas como a presentada no Chanfaina Lab. Nela o director e guionista escusa a súa vagancia -falsa, como demostra a propia peza- por non ter feito nada para o proxecto no que participaron outros 20 creadores e creadoras do audiovisual galego. O autor bótalle humor ao asunto e conta a súa experiencia durante os días de rodaxe e o que supuxo para el entrar en contacto coa xente do “Novo cinema galego”. E ata aquí podemos contar porque, doutro xeito, estariamos destripando a curta.

“Quen gravou en San Sadurniño?” é a segunda curta que se estrea en falamedesansadurnino.org despois do exitoso arranque de proxeccións virtuais iniciado o venres pasado con “Café-bar Santos peluquería”, que xa anda preto das 400 reproducións en youtube. Unha peza dirixida por Sonia Méndez a quen, por certo, puidemos ver onte mesmo na serie de TVE “Cuéntame cómo pasó” interpretando a unha atracadora.

Dentro da programación de estreas semanais, o próximo venres tocaralle á curta de Juan Lesta e Belén Montero -Esferobite- “Balada Cover”, centrada nunha reconstrución do universo da Marquesa cos vimbios da poesía de Gabriel y Galán, a imaxe real e a composición dixital.

O Concello ten previsto facer pases das curtas do Chanfaina Lab no CPI e tamén lles ofrece esta posibilidade ás entidades do territorio. Aquelas que estean interesadas en programar unha proxección deben contactar co departamento de Cultura ou coa Rede CeMIT.

30 de xaneiro de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.