Preséntanse na Biblioteca de Verín as actas das “I Xornadas sobre o Entroido de Galiza”
O vindeiro 03 de febreiro, ás 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá a presentación das actas das “I Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, a cargo de Miguel Losada e Rafael Quintía, da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).
O libro no que se recollen estas actas, inclúe os textos de cada relator, entre os que se atopan ‘O Carnaval de Pontevedra’ (Antonio Vázquez), ‘As madamas e o sacrificio do Galo’ (Xosé Anxo Rosales González), ‘O Entroido en Terras de Ourense (Miguel Losada), ‘O traxe do Cigarrón’ (Benito Salgado), ‘A fabricación de máscaras do Cigarrón’ ( Benito Salgado e Miguel Losada) ou ‘A recuperación da figura do Merdeiro’ (Xerardo Santomé), entre outros. Ademais deste textos, no libro tamén se atopa un DVD cos vídeos de todas os relatorios e da exposición sobre o Entroido organizada no marco das xornadas do 2013.
Estas sesións terán a súa continuación, os días 20 e 21 de febreiro, coa realización das “II Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, en Pontevedra. As mesmas teñen por obxecto afondar no coñecemento dunha das festas de maior arraigo da nosa cultura, e contarán coa presentación de relatorios sobre os Xenerais do Ulla, proxecto de recuperación do Entroido tradicional de Marcón, Semblanza de Francisco Añel (Xastre de Castro), Antroido das Mariñas dos Condes ou Entroidos singulares da provincia de Lugo.











