Portos de Galicia asina co porto de La Rochelle un protocolo de colaboración referente da náutica recreativa no arco atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Sinatura do protocolo

Sinatura do protocolo

Portos de Galicia vén de asinar un protocolo de colaboración co porto de La Rochelle, infraestrutura de referencia no ámbito da náutica recreativa en todo o Arco Atlántico. A sinatura do documento por parte do presidente do ente público galego, José Juan Durán, e o seu homólogo no Port des Minimes-La Rochelle, Christian Marbach, tivo lugar esta mañá nas oficinas do ente público para a Zona Sur, en Pontevedra.

Este protocolo de intencións senta as bases para a colaboración entre Portos e a empresa pública francesa que xestiona o porto de La Rochelle de cara a futuras accións conxuntas para o impulso da navegación de recreo e o intercambio de pasaxeiros no Arco Atlántico. Deste xeito increméntanse as iniciativas desenvolvidas pola Administración portuaria galega de cara á situar a Galicia na primeira liña do negocio náutico europeo e optimizar o aproveitamento económico desta actividade.

Non en van, este protocolo supón unha liña de colaboración cunha entidade como o Port de Les Minimes con máis de 40 anos de experiencia no sector da náutica de recreo e unha oferta total de en torno a 5.000 prazas de amarre, o que supón prácticamente un tercio do conxunto de prazas existentes en toda Galicia. Así mesmo, a empresa pública francesa, de titularidade municipal, factura anualmente en torno a 12 millóns de euros pola actividade náutica recreativa.

Dentro do ámbito de colaboración entre Portos de Galicia e o Port des Minimes, o ente público impulsará liñas de traballo en relación coa formación de persoal e mellora da calidade dos servizos, así como o impulso de regatas de carácter internacional. Así mesmo, afondará no campo da navegación a vela, que no porto francés supón máis do 70% dos amarres, mentres que en Galicia sitúase en torno ao 30%.

Deste xeito, Portos de Galicia continúa a afondar nos obxectivos definidos no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que se está a executar e que ten por horizonte último a optimización das potencialidades náuticas da nosa comunidade debido á súa ubicación xeoestratéxica, de cara á xeración de riqueza e emprego a través do sector da náutica recreativa.

9 de xaneiro de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.