publicidade hoxe

Ponte Caldelas ampliará o saneamento de Cuñas á zona de Avecil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas incluíu o saneamento de gran parte da zona de Avecil (Cuñas) no Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra cun investimento aproximado de 81.495 euros e cuxa licitación se realizará en primavera para que a obra poida estar executada antes do verán deste mesmo ano.

O proxecto considera a colocación duns 1.000 metros lineais de canalizacións, distribuídas en varios ramais, que permitirán prestar este servizo de rede de sumidoiros a unhas 25 vivendas desta zona que se conectarán co colector do barrio de Aldea de Abaixo para conducir as augas fecais ata a depuradora situada na estrada de Parada.

Hai que recodar que no ano 2014 o Concello de Ponte Caldelas, a través tamén do Plan de Investimentos da Deputación (PID) ampliou a rede de saneamento en Cuñas coa posta en servizo dunha rede de colectores no barrio do Lombo para dar servizo a unhas 20 vivendas.

O saneamento en Cuñas iniciouse no ano 2010, cunha primeira fase na que se investiron uns 150.000 euros, na que se instalou unha rede de colectores na travesía da estrada PO-532, aproveitando as obras de mellora da seguridade vial que fixo a Xunta de Galicia na zona coa construción dunha senda peonil.

Posteriormente, no ano 2011, o Concello de Ponte Caldelas investiu outros 160.000 euros de fondos propios no saneamento deste lugar, divididos en dúas actuacións: a construción da EDAR e a instalación da rede que comunicou o colector principal da estrada co barrio de Aldea de Abaixo e coa zona na que se situou a depuradora, conseguindo así poñer xa en funcionamento este servizo en parte do núcleo de Cuñas.

O Concello de Ponte Caldelas está a afrontar o saneamento en diversos núcleos de poboación do municipio que, pola súa gran dispersión, provoca que teña que ser executado en varias fases e ter en conta a orografía do terreo, os desniveis e as dificultades técnicas que presentan os distintos lugares obxectos da actuación.

A enorme dispersión de poboación existente en Cuñas, e en todo o municipio de Ponte Caldelas, encarece de xeito notable a implantación da rede de saneamento, polo que o Concello pretende seguir estendendo a rede de sumidoiros recorrendo a diversas anualidades e sucesivas fases dada a imposibilidade de afrontar dunha soa vez este inxente proxecto e consecuente gasto económico para as arcas municipais nos tempos de especial dificultade nos que nos encontramos.

A preocupación do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, é ir dotando paulatinamente, e a medida que sexa posible, do servizo de rede de sumidoiros ao maior número posible de núcleos do rural ao tempo que se instalan depuradoras co fin de tratar as augas fecais para que afecten o menos posible ao medio, unha das principais prioridades para o rexedor caldelense.

23 de xaneiro de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.