publicidade hoxe

Plácido Castro ofrece unha conferencia sobre o Humanismo da man de África López Souto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+

A décimo sexta edición da Conferencia Anual Plácido Castro versará este ano sobre a vixencia do humanismo. Certamente, unha das características da xeración de Plácido Castro (1902-1967) foi o seu saber enciclopédico, produto dunha formación coidada que prestaba moita atención á transmisión dunha bagaxe cultural ampla e sólida. Ese amplo saber, que nutría unha fonda sensibilidade, tradúcese nunha peculiar devoción polas linguas e a tradución, polas artes e a razón, entre outros.

A relación de Plácido con Muxía que a Fundación quere reivindicar rememora os días posteriores á guerra civil, cando Plácido foi acollido nesa vila na casa duns familiares mentres, probablemente, a súa familia, procuraba unha saída á súa situación. Naquel tempo membro destacado do Partido Galeguista e integrante do seu cumio directivo, Plácido acabou por ser condenado a quince anos de inhabilitación absoluta e a oito anos e un día de desterro a máis de 100 km de Muxía, ademais de ter que aboar unha multa de 25.000 pts.

A conferencia será impartida pola licenciada e doutora en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, África López Souto. O tema da súa tese foi ”O individuo na filosofía de Michel Foucault” (1999).

Exerceu como profesora de filosofía en varios institutos de bacharelato galegos desde 1990 ata 1996, e posteriormente –en excedencia do ensino- residiu durante seis anos en Bolivia, onde traballou en diferentes ámbitos relacionados coa cooperación para o desenvolvemento, mormente coa Axencia Española de Cooperación Internacional. Continuou a súa actividade neste campo durante dous anos máis na Xunta de Galicia. Desde 2005 dedícase de novo ao ensino de filosofía en Secundaria.

Impartiu clases na Universidade Maior de San Andrés en La Paz (Bolivia); e pronunciou cursos e conferencias en torno á solidariedade internacional en diferentes contextos. Así mesmo, durante varios anos colaborou activamente coa Aula Castelao de Filosofía, no cadro da cal presentou varias comunicacións.

Actualmente está a traballar de profesora no IES Parga Pondal (Carballo-A Coruña). Entre as súas obras, cómpre destacar Simone Beauvoir. Baía Pensamento. Baía Edicións, 2008 ou Concepción Arenal. Baía Pensamento. Baía Edicións, 2004. Tamén é autora da revisión filosófica da tradución ao galego do primeiro volume de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir.

A XVI Conferencia Anual Plácido Castro realizarase o próximo 23 de xaneiro en Muxía, no Salón de Actos do Voluntariado, Edificio do Mercado, a partires das oito da tarde.

Na realización da actividade colaboran o Concello de Muxía e Fundación López Abente.

21 de xaneiro de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.