Pandeiromus presenta o seu terceiro disco no Teatro Principal de Santiago
O grupo Pandeiromus, banda masculina de pandeireta creada en Santiago en 1992, presentará o seu terceiro disco, ‘Teño días’, este sábado ás 20,30 horas no Teatro Principal da capital galega.
Este novo álbum segue a ‘En conserva’ (1998) e ‘Tolerías’ (2002), e pretende constituír a apertura a un proxecto máis amplo, unha triloxía discográfica que se irá desenvolvendo durante o próximo ano.
O disco supón, segundo destacan os organizadores do concerto, “un paso adiante na traxectoria de Pandeiromus, a base musical da cal se sostén no traballo de investigación e recollida da música tradicional do país.
“Durante anos, máis de doce, dedicámonos a investigar nas raíces, nos sons, na tradición e, en definitiva, en todo aquilo que emociona a un pobo dende a súa identidade”, sinala Topa Vidal, un dos compoñentes de Pandeiromus.
“Tiñamos e temos a intención de que non se perda ese patrimonio. Por iso esparexémolo nas nosas actuacións e nos nosos discos”, engade.
SÉCHU SENDE E XAVIER PICALLO
‘Teño días’ conta coa participación de dous poetas, que crearon senllas letras para que fosen musicadas por Pandemonius. Xavier Picallo regaloulles o texto da canción que lle pon nome ao disco.
Pola súa banda, Séchu Sende asina a letra de ‘Unha muller e outra muller’. As destes escritores convértense, desta forma, nas primeiras colaboracións da triloxía que prepara a banda.











