Os veciños de Vilagarcía fixeron un maior uso do servizo de recollida a domicilio de residuos voluminosos en 2014
O ano 2014 saldouse cun dato positivo no que se refire á xestión de residuos e limpeza do municipio. Foi, concretamente, no apartado relativo de voluminosos, o que se dedica á retirada de refugallo de grandes dimensións como mobles, electrodomésticos, colchóns e outros obxectos que non se poden depositar xunto coa bolsa do lixo doméstico. A utilización do servizo municipal de recollida de voluminosos incrementouse o pasado ano un 18,4% respecto ao exercizo anterior, pasando dos 130.220 quilos retirados en 2013, aos 154.160 quilos do ano que se ven de pechar.
O Concello de Vilagarcía dispón dende hai anos dun servizo de recollida a domicilio de desperdicios voluminosos. Ofértase aos particulares de xeito totalmente gratuíto e préstase o primeiro e o terceiro martes de cada mes. Para que o camión de recollida pase a retirar os voluminosos, o usuario só ten que concertar cita o día anterior ou ese mesmo día chamando ao teléfono 986 501617. Deste xeito, o interesado unicamete ten que baixar á rúa os obxectos dos que quere desprenderse o día no que pasará o camión a retiralo, evitando a mala imaxe que xeran os voluminosos acumulados na vía pública durante varias xornadas.
A recollida de voluminosos foi solicitada polos vilagarciáns ao longo de todo o ano, aínda que as cifras varían dependendo do mes. A temporada na que máis residuos teste tipo de retiraron foron os de outubro (18.480 quilos) e setembro (18.240 quilos), mentres que o mes de menos actividade foi febrero (6.240).
Punto Limpo de balde para particulares
Ademais do servizo gratuíto de recollida a domicilio, os vilagarciáns tamén disponen doutro sistema para desfacerse de voluminosos e outros materiais de refugallo que non se poden despoitar na bolsa do lixo orgánico nin nos contedores de recollida selectiva tanto polo súas dimensións, como polos materiais que os componen. Trátase do Punto Limpo en Pinar do Rei, un servizo que tamén é de balde para o cidadán, a onde se poden levar directamente os residuos dos que queren desfacerse. Aquí pódense depositar enseres voluminosos de todo tipo, aparellos electrónicos ou eléctricos, lámpadas fluorescentes, teléfonos móbiles e demais.
Prégase a colaboración cidadá para mellorar a imaxe da cidade e evitar vertedoiros incotrolados
O Concello prega á cidadanía que faga uso tanto do servizo de recollida a domicilio de voluminosos como do Punto Limpo, xa que non lle supón ningún tipo de custe, e, pola contra, ofrecen os beneficios de contribuír a mellorar a imaxe e estado de limpeza da cidade e tamén evita a proliferación de vertedoiros incontrolados que contaminan e afean os montes e estradas da periferia.
O Punto Limpo está aberto de luns a sábados en horario de mañá (de 10 a 13:30 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas. Para facilitar o desprazamento aos usuarios, tamén abre os domingos de 10 a 13:30 horas e só pecha os días festivos.
Reciclado e eliminación segundo as normas ambientais
Os voluminosos que retira o servicio a domicilio deposítanse no Punto Limpo de Pinar do Rei, onde xunto cos que levan directamete os cidadáns ás instalación de Pinar do Rei, sepáranse en grupos para facilitar a súa correcta xestión, reciclaxe ou eliminación de acordo coa normativa medio ambiental.
Unha bolsa de lixo algo máis abultada
Outro dos apartados a ter en conta no que aos residuos sólidos urbanos se refire, cómpre salientar os de carácter orgánico que se xeran na cidade e que corresponden co que popularmente denominamos como bolsa do lixo. Trátase dos desperdicios que non susceptibles de ningún tipo de reciclado e que se depositan no contedor verde convencional. Neste punto, os vilagarciáns xeraron en 2014 14.317.900 quilos de lixo. Seguno os datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo de recollida, Cespa-Inusa; o pasado ano incrementouse nun 3,4% a cantidade de desperdicios orgánicos recollidos no municipio o que, en cifras absolutas traduciuse en 472.500 quilos máis que en 2013.











