Os veciños de Carballo doaron 54 toneladas de roupa usada no 2014
Humana Fundación Pueblo para Pueblo, organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reciclaxe e a reutilización téxtil e que leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, así como de Axuda Social en España, recolleu 54.450 quilos de roupa e calzado usados en 2014 nos 13 contedores que ten instalados en Carballo en virtude dun acordo subscrito co Concello.
A recollida amosa a sensibilización cidadá en materia de reutilización e reciclaxe. “Estamos moi contentos cos resultados deste ano. As veciñas e veciños amosan coa reciclaxe téxtil o seu compromiso co medio ambiente, coa loita contra o cambio climático e cos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de Axuda Social que levamos a cabo”, apunta Darío Gómez, responsábel de Humana en Galicia.
Redución das emisións
A reutilización e a reciclaxe téxtil contribúen á protección do medio ambiente ao reducir en parte os residuos xerados pola cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que doutro xeito iría parar ao vertedoiro para a súa incineración (cada quilo de roupa que se reutiliza e non se incinera evita a emisión de 3,169 quilogramos de CO2, segundo datos da Comisión Europea). É un servizo gratuíto para o municipio e significa un aforro importante nos gastos de xestión da recollida e a eliminación dos residuos urbanos.
Alén disto, calquera persoa pode cuantificar a súa aportación ao medio ambiente ao depositar unha bolsa de roupa usada nun contedor, a través da calculadora da entidade Aeress, unha ferramenta que permite introducir o número de prendas a reutilizar e a súa tradución en emisións de CO2 evitadas.
Dende o inicio da súa actividade en España, o obxectivo de Humana é xestionar de maneira eficaz as doazóns de roupa usada e incentivar a reutilización e o consumo responsábel. É unha finalidade compartida pola Directiva Marco de Residuos e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), cuxa prioridade é reducir a produción de residuos dende a orixe e incrementar a preparación para a reutilización e a reciclaxe dos residuos domésticos e semellantes.
Na delegación de Galicia, Humana dispón de 331 contedores que o ano pasado recolleron 1.983 toneladas de téxtil usado. En España a Fundación conta con 5.200 contedores que anualmente recollen ao redor de 18.000 toneladas de roupa.
Xunto co aspecto medioambiental, a xestión do téxtil usado é un destacado motor de desenvolvemento. Por unha banda coma xerador de emprego en España: a Fundación conta na actualidade con 450 empregados (é dicir, Humana crea un emprego indefinido a tempo completo por cada 40.000 quilos de roupa recollida). E pola outra, porque os recursos obtidos coa xestión do téxtil fan posíbeis os programas de axuda social e sensibilización en España e de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur.
Reutilización, reciclaxe e CDR
As prendas depositadas nos contedores de Humana en España teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación que a Fundación ten en L’Ametlla del Vallès (Barcelona), Leganés (Madrid) e Valderrubio (Granada) e o resto véndese a empresas de reciclaxe.
As prendas que son enviadas a algunha das tres plantas distribúense do seguinte xeito:
– Un 13% da roupa clasificada destínase ás 32 tendas de segunda man que Humana ten en España.
– Un 50% das prendas clasificadas envíase a África para a súa venda a presos baixos a comerciantes locais co fin de satisfacer a demandas destes países, impulsar a actividade económica local e xerar recursos para o desenvolvemento.
– Ao redor dun 30% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil.
– O 7% restante é material inservíbel e destínase á produción de Combustíbel Derivado de Residuos (CDR).
Apoio local e sensibilización
Como complemento á recollida selectiva do téxtil, Humana realizou unha aportación de 3.000 aos Servizos Sociais do Concello de Carballo para axudas de emerxencia. Esta contribución enmárcase no programa de Axuda Social da Fundación que ten como obxectivo destinar ao ámbito local parte dos recursos obtidos coa xestión da roupa usada recollida.
Sobre Humana
HUMANA é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reciclaxe e a reutilización téxtil e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de Axuda Social en España. A organización dispón de 5.200 contedores para a recollida de roupa e calzado nas principais cidades españolas grazas aos acordos que mantén con máis de 800 Concellos e preto de 500 entidades e empresas privadas. Así mesmo, conta con 300 puntos de recollida en estabelecementos comerciais de diferentes cidades españolas no marco da campaña ¿TÚ enCAJAS? Anualmente recóllense ao redor de 18.000 toneladas de téxtil usado en toda España.
HUMANA conta con 32 tendas de venda de roupa de segunda man en Madrid (15), Barcelona (13), Sevilla (2) e Granada (2), respectivamente, que xeran os recursos precisos para o financiamento dos programas de cooperación. A Fundación conta, ademais, cun programa de educación para o desenvolvemento e desenvolve cabo numerosas campañas de sensibilización ao redor da importancia da reciclaxe téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur.
HUMANA conta actualmente con máis de 350 empregados. Forma parte da Federación HUMANA People to People, que agrupa a 35 organizacións a nivel mundial.











