Os traballadores de mantemento do Meixoeiro denuncian o non pagamento de nóminas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

Traballadores do servizo de mantemento do Hospital Meixoeiro de Vigo concentráronse este luns no centro para denunciar que a empresa que foi concesionaria do servizo ata o 31 de decembro de 2014 non lles pagou as nóminas correspondentes ao mes de decembro.
Tal e como trasladou o delegado de persoal da CIG Fernando Ramilo, a concesionaria Isolux “abandonou o servizo” ao rematar 2014 e “deixou pendente a nómina de decembro” dos 45 traballadores, aos que lles debe unha cantidade que estiman nuns 65.000 euros.

Así mesmo, Ramilo asegurou que os empregados foron “coaccionados” pola empresa. Así, manifestou que esta “en vez de aboar os salarios, quixo facer pagamentos con cheques” que, aseverou, eran “indemnizacións e liquidacións”, o que non corresponde “porque non hai despedimento”.

“Todos seguimos no mesmo centro de traballo e facendo o mesmo, e obrigábanos a asinar un papel que non ten lugar con consecuencias graves para os traballadores”, explicou.

Por todo iso, o persoal de mantemento, que xa presentou unha denuncia na Inspección de Traballo, convocou protestas diarias -entre as 10,00 e as 10,30 horas- nas instalacións do Meixoeiro e prevé denunciar esta situación nos xulgados.

Ademais, segundo indicou Ramilo, tamén falarán co Servizo Galego de Saúde para “que se faga cargo” das nóminas debidas ou o faga a nova concesionaria, posto que o servizo foi subrogado entre empresas e “tería que facerse cargo, son partes responsables”, remarcou.

19 de xaneiro de 2015 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.