Os sindicatos do Concello de Santiago negan que se recuperasen dereitos no persoal
Os sindicatos CIG, UGT, CC.OO. e o comité de empresa do Concello de Santiago -18 dos 22 delegados sindicais da Casa do concello- negaron que o goberno municipal lles propuxera “ningunha medida de recuperación” dos dereitos recortados ao persoal baseándose no plan de axuste. Por iso, acusaron o alcalde, Agustín Hernández, de “estar a mentir”.
“Estase a mentir. Todo son medidas propagandísticas e non se está a recuperar nada. É todo unha posta en escena”, denunciaron en rolda de prensa os voceiros sindicais este mércores, ao respecto do resultado da mesa de negociación celebrada o luns. Neste sentido, vincularon os “anuncios” do rexedor coa proximidade das eleccións do mes de maio e rexeitaron “ser un elemento máis dentro da campaña mediática” do dirixente do Partido Popular.
Neste contexto, os representantes dos traballadores deron “por rematados os contactos” co novo goberno, ao que lle atribúen “continuismo” con respecto dos liderados por Gerardo Conde Roa, primeiro, e Anxo Currás, despois. Así, o balance dos últimos catro anos, dende o punto de vista do persoal, dixeron que se sintetiza nas palabras “recortes e corrupción”.
“Quédanos a vía xurídica e retomar as mobilizacións”, avanzaron, en alusión á impugnación dos presupostos, aos que presentaron alegacións que, segundo apuntan, non foron tidas en conta, e á volta ás protestas na praza do Obradoiro, que prevén que se produza o próximo xoves, día 29, e os seguintes xoves últimos de cada mes.
Estas organizacións sindicais -das que seguen desmarcadas CSIF e o sindicato da policía local- calculan en máis de 5 millóns de euros “a débeda” que Raxoi contraeu cos traballadores baseándose no plan de axuste, e critican que, unha vez concluído, non significou “nin unha soa medida de recuperación” para eles.
“AUGA DE BORRAXES”
“Malia a verborrea do alcalde, todo queda en auga de borraxes”, resumiron, polo que advirten de que, “ou trasladan propostas concretas”, ou os representantes dos traballadores non volverán sentar con responsables da Casa do concello. “Porque o que non se pode vir é a tomar o pelo”, remacharon.
Así mesmo, censuraron que “o único” que realizaron os mandatarios municipais foi unha cuantificación “mal feita” do que supuxo paralizar a carreira profesional e constituír unha comisión de seguimento que tamén leva “paralizada” dende hai “cinco anos”.











