Os Reis Magos fan un alto no camiño para visitar aos cativos de Soutomaior

Os Reis Magos en Soutomaior
Xa están aquí, tras unha longa viaxe dende as terras de oriente, os Reis Magos chegaron hoxe a Soutomaior cargados de regalos e ilusión. Ao mellor tamén traían algún anaco de carbón, pero os máis pequenos de Soutomaior tiveron esta tarde a oportunidade de convencer persoalmente ás súas maxestades do bos que foron este ano.
Para amenizar a espera, a tarde comezou coa actuación da Compañía Bicharracos e a súa representación “Croa”. Unha obra chea de valores como a igualdade, a solidariedade e o amor na que os nenos coñeceron a Gustavito, un príncipe convertido en ra que non encaixa cos gustos que require vivir en pazo. Nunha historia de amor pouco corrente, Gustavito, namorado da princesa Dorita, iniciou un viaxe fantástico que o levou a darse conta que na diferenza radica o que nos fai ser únicos.
Esta vez as súas maxestades reais deixaron descansar os seus camelos e chegaron a Arcade en tren, un medio máis rápido e que lles permitía traer aínda máis xoguetes e caramelos para os nenos de Soutomaior. Despois dun gran recibimento na plataforma da estación, Melchor, Gaspar e Baltasar atenderon as peticións dos centos de nenos que os esperaban no Multiúsos de Arcade e, despois de sacarse unha foto de recordo, fixéronlles entrega de miles de caramelos e un exemplar do libro ” Os bolechas en Soutomaior”.
O alcalde, Agustín Reguera, destacou que foi un momento bonito e ilusionante sobre todo pola cara dos nenos ao ver aos Reis. Os pequenos pedíronlle de todo, pero para nós o importante é que esta noite traian moita saúde e repartan toda a alegría que poidan”.
A esperada visita non defraudou, e despois de recibir os seus regalos todos os nenos se foron cun gran sorriso e sabendo que a noite de reis hai que deitarse temperán, e, iso si, nada de espiar pola ventá.











