Os Reis Magos de Oriente chegan a Ribadumia
Melchor, Gaspar e Baltasar chegan mañá a Ribadumia ás 18:00 horas, nunha comitiva composta polas 6 carrozas, 5 delas son as participantes no concurso convocado polo Concello, que van acompañar ás súas maxestades dende a Rotonda dos Castaños de Barrantes ata a Casa do Concello. Dende a Concellería de Cultura de Ribadumia optouse nos derradeiros anos por congregar a tódolos rapaces no entorno do consistorio e das rúas principais de Barrantes con fin de que convivan nesta noite máxica e ofrezan unha cálida benvida ós tres reis magos de Oriente.
Polo tanto, o percorrido será pola rúa Torre, Castaños e avenida Bouza Martín e como tódolos anos amenizará coa súa música a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia. Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán ós nenos ribadumienses dende a carroza municipal e repartirán caramelos sen glute, xa que un ano máis o concello colabora coa Asociación Galega de Celíacos para garantir que tódolos nenos sen excepción poidan disfrutar dos doces que lles agasallan os reis.
Unha vez diante da Casa do Concello, os Reis Magos saudarán ás nenas e nenos dende o balcón, para posteriormente entregar os agasallos que a alcaldesa Salomé Peña lles solicitou por carta para tódolos rapaces de Ribadumia.
Asemade, nese momento se lles fará entrega dos agasallos ós premiados no concurso de postais de Nadal que organiza tódolos anos a Concellería de Cultura e que nesta edición recaeron en Nicolás Monteagudo Aido (ESO), Candela Prado Gestoso (primaria) e Sofía Carballo García (infantil). Tamén terá lugar a entrega de premios do IV Concurso de Carrozas dos Reis Magos.











