Os primeiros detidos polo alixo de 1.500 quilos de cocaína néganse a declarar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Europa Press

Os primeiros detidos polo alixo de 1.500 quilos de cocaína en pasar a disposición do xulgado na localidade de Cambados (Pontevedra), entre eles o cambadés Rafael Bugallo, coñecido como ‘O Mulo’, negáronse a prestar declaración.

Así o confirmaron fontes xurídicas, que explicaron que os seis primeiros arrestados que pasaron a disposición xudicial, trasladados dende dependencias policiais en Pontevedra, se negaron a declarar.

Estes detidos chegaron sobre as 9,00 horas deste xoves nun furgón policial ao Xulgado de Instrución Número 3 de Cambados procedentes de Pontevedra.

A media mañá foron levados ao edificio xudicial outros tres detidos que permanecían en dependencias policiais en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) tras ser arrestados no marco dun operativo que se saldou con 19 detencións.

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou este xoves as 19 detencións de persoas de “varias nacionalidades, incluída a española” por este alixo. Tamén dixo que está “por determinar” onde atracará o barco.

Nove persoas detidas navegaban a bordo do barco pesqueiro de bandeira venezolana que foi abordado polo buque ‘Petrel’ do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) en pleno océano Atlántico. Mentres que o resto foron arrestados en terra, boa parte delas na bisbarra de Arousa.

O ‘Coral I’ foi interceptado nunha operación desenvolvida conxuntamente por axentes do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) e do SVA.

REXISTROS

Os 1.500 quilos de cocaína achados no pesqueiro, distribuídos en 49 fardos, foron trasladados a terra e en próximos días chegará a porto a embarcación.

Supostamente a operación para introducir os 1.500 quilos de cocaína a través das costas galegas estaba dirixida polo cambadés Rafael Bugallo, coñecido como ‘O Mulo’. De feito axentes do Greco realizaron o martes rexistros tanto no chalé que ‘O Mulo’ ten en Cambados como nun piso da súa propiedade en Vilagarcía de Arousa.

Tamén foi obxecto dun rexistro un chalé de Vilanova de Arousa propiedade de J.C.N.O., un empresario de 43 anos vinculado co sector da acuicultura e sen antecedentes en cuestións relacionadas co narcotráfico, pero ao que as forzas de seguridade relacionan coa operación.

8 de xaneiro de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.