Os Pasatempos de Inverno en Cervo inclúen actividades para o Entroido, a Festa do Ourizo e o Encontro de Palilleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo presentou hoxe os Pasatempos de Inverno 2015, que inclúen as actividades para os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Desta maneira, o goberno local consolida a súa aposta por dar a coñecer a programación de eventos a través dun díptico útil e manexable, que chega cada trimestre aos fogares dos veciños e que inclúe os actos de interese, tanto os organizados polo Concello como aqueles postos en marcha polas asociacións e cos que tamén colabora.

Neles cabe destacar tres importantes eventos, como son o Entroido (desfiles o 15 de febreiro en Cervo, o 17 en San Ciprián e o 21 en San Román), a XXIV Festa do Ourizo (21 de marzo) e o XII Encontro de Palilleiras (28 de marzo).

Pero ademais, xunto a estas citas habituais dos primeiros meses do ano, pódense mencionar outras actividades de continuidade, que se veñen celebrando de forma tradicional nos últimos tempos, como é o caso da Ocioteca, os Encontros Abertos de Música para Mozos, Recordando contos de onte, o programa Agarimos ou os actos polo día da Muller Traballadora.

Entre as novidades podemos atopar un curso de maquillaxe de Entroido para mozos (febreiro), ou un Encontro de autocaravanas (do 20 ao 22 de febreiro). Sen esquecer diversos eventos culturais como é o caso da actuación da compañía de Teatro de Marionetas Trécola coa obra “Traxicomedia de Calixto e Celestino” (11 de xaneiro); o grupo Brétema do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro (6 de febreiro), a actuación da Big Band de Foz (13 de febreiro, coa colaboración dos Aventados); ou Dayami Andux e Daniel Adzemian cunha antoloxía da música hispanoamericana (7 de marzo).

Ao mesmo tempo, como é habitual, tamén se poden consultar aquelas actividades que organizan outras asociacións e que contan co apoio do Concello, como é o caso dos bailes de salón de ARAMA, os talleres de manualidades das Espalladoras ou a Ruta Medela MTB. Especial mención merece o Centenario da Escola de San Román (10 de xaneiro, 16 h.), que impulsa a Comunidade de Montes desa mesma parroquia no que se presentará o libro “O valor do noso”, escrito por Francisco Piñeiro sobre a historia de San Román e a propia escola, inaugurarase un busto de Manuel Candia, o filántropo local que financiara no 1915 a súa construción, e outros actos de homenaxe.

7 de xaneiro de 2015 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.