Os orzamentos de San Sadurniño entran en vigor tras rexeitarse en pleno as alegacións do PP
O pleno municipal rexeitou este xoves pola tarde as alegacións presentadas polo Partido Popular contra o proxecto de orzamentos para o 2015. Fíxoo cos votos en solitario do grupo de goberno, que avalou o rexeitamento cun informe da se secretaría onde se ratifica a legalidade de todo o procedemento. Abondaron 15 minutos de debate para desbloquear a aprobación das contas deste ano, que ascenden a case 2.8 millóns de euros.
O PP presentou por rexistro un documento centrado en tres aspectos: por unha banda a presunta ilegalidade na tramitación e no feito de que haxa servizos deficitarios, por outra a falla de previsión de partidas en concepto de posibles indemnizacións de carácter xudicial “que poden meter o Concello nun follón” e, por último, incluiu tamén como alegación unha proposta de redistribución de varias partidas de gasto. Un extremo este último no que o portavoz popular recoñeceu ter cometido “un erro de cálculo nos números que presentamos”, habida conta de que as cifras achegadas nas alegacións deixarían descadrados os orzamentos.
Sobre a redistribución de partidas tamén se pronuncia a proposta da alcaldía, na que se critica que o Partido Popular non achegase “ningunha proposta” durante o prazo de tramitación do documento nin tampouco na comisión informativa previa ao pleno do pasado 18 de decembro, cando se aprobou inicialmente. O portavoz do BNG, Suso Soto, acusou ao PP na sesión de presentar as alegacións co obxectivo de “entorpecer o procedemento e retrasar os orzamentos para que os investimentos tarden en executarse”. Soto asegurou que o voceiro popular “non coñece a realidade deste concello nin a realidade das partidas necesarias para os servizos que se están prestando”, engadindo ademais que o orzamento para 2015 “é o mellor dos posibles para o noso concello e seguramente o máis realista dos últimos anos en canto á previsión de ingresos e de gastos”.
O portavoz socialista, Fernando Márquez, só se pronunciou para ratificar o seu voto contrario ao orzamento poñendo de manifesto, porén, que as alegacións do PP “non reflexan nada novo e non teñen sentido”. O concelleiro do PSOE incidiu en que xa en decembro se pronunciara en contra do proxecto “polos gastos, que considero excesivos”. Unha postura que o alcalde rebatiu co argumento de que no gasto corrente “estamos nun nivel inferior ao ano 2007, cando había un ive bastante menor que agora e uns prezos de electricidade e combustibles que tampouco son os de agora”.
A votación tralo debate saldouse co rexeitamento das alegacións do PP cos votos en solitario do grupo de goberno, mentres que populares e o único edil do PSOE votaron en contra. Deste xeito os orzamentos municipais para 2015 entran en vigor de forma automática, sen necesidade de máis exposición.
As contas ascenden a 2.796.800 euros, o que supón unha suba dun 11,9 por cento con respecto ao orzamento de 2014, en vigor ata onte mesmo. O incremento débese case na súa totalidade á previsión de asinar un convenio coa Deputación por importe de 340.000 euros para pasar a herba artificial o campo de fútbol municipal. Ademais, o equipo de goberno sinala na descrición das contas que a contía de investimentos -na que se consignaron 877.000 euros- seguramente aínda sexa maior polos “probables ingresos a maiores ao longo do exercicio, onde o capítulo do investimento se vai ir ben por riba do millón de euros”. O executivo local indica que as contas reflicten “unha ben entendida austeridade que preserva a prestación de servizos públicos fundamentais conxelando un ano máis todos aqueles impostos e taxas municipais”.
A descrición das liñas estratéxicas apunta ao “fortalecemento” das políticas sociais e o “reforzo” das políticas de desenvolvemento local no ámbito da promoción económica potenciando, por exemplo, os mercados locais, as actividades de formación e cualificación profesional e os programas de investimento orientados ao emprego. En termos absolutos sobe tamén “o gasto no tecido asociativo” e dentro das prioridades tamén se cita o mantemento da extensa rede viaria municipal e continuar coas políticas de aforro enerxético “como fórmula máis acaída á contención do gasto”.











