Os orzamentos de Ordes para este ano recollerán as demandas socialistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A Agrupación Socialista de Ordes amosa a súa satisfacción polo feito de que os Orzamentos Municipais de Ordes para 2015 recollan as demandas presentadas polos socialistas en decembro de 2014. Así quedou de manifesto durante a primeira reunión da Comisión de Contas, celebrada no día de onte e no que as propostas do PSOE de Ordes foron asumidas polo Grupo de Goberno municipal.

Xesús Pedreira amósase especialmente satisfeito polos avances conseguidos en materia de servizos sociais. “Pedimos un incremento das partidas referidas a Servizos Sociais no 2015 e nos ofreceron unha suba mínima dun 6%, que podería chegar ata o 10% se outras administracións cumpriran cos seus compromisos con Ordes”, explica o voceiro municipal socialista, quen lembra que “nestes dous últimos anos conseguimos incrementar entre un 16% e un 20% a partida destinada a servizos sociais”.

Melloras deportivas

Así mesmo, Pedreira Mirás destacou que os orzamentos do Concello de Ordes para 2015 recollerán varios proxectos de infraestruturas propostos polos socialistas ordenses. O máis importante, orzamentariamente falando, será o arranxo do pavillón polideportivo co colexio Campomaior. “A partida reservada é realmente importante xa que é preciso arranxar a pista e o seu peche perimetral, mellorar os vestiarios e o acceso ao pavillón, así como ampliar as gradas”, sinala Xesús Pedreira, quen lamenta que “o Concello teña que acometer en solitario este gasto cando a Consellería de Educación debería ter financiado cando menos o 60% do mesmo, sobre todo cando non ten investido absolutamente nada en educación en Ordes máis aló do que estaba legalmente obrigado”.

Así mesmo, os Orzamentos de 2015 incluirán tamén a construción dunha pista de tenis e de baloncesto na cidade deportiva de Vista Alegre, unha vella demanda da veciñanza que o PSOE de Ordes vén reclamando dende hai anos. Ademais, os socialistas conseguiron incluír unha nova partida para apoio ao comercio local, semellante á recollida en 2014, e outra partida para poñer en funcionamento o Centro de Emprendedores, que finalmente se emprazará no inmoble do antigo Centro Comarcal.

Finalmente, os socialistas ordenses conseguiron o incremento da dotación da partida destinada a medioambiente para a limpeza de camiños municipais. Ademais, onte mesmo plantexaron unha nova demanda: o arranxo da estrada entre a N-550 e Fosado. Unha petición que os socialistas xa propuxeran para a súa inclusión no POS 2015 pero que foi desestimada polo Goberno Local. Un rexeitamento que motivou a abstención socialista na aprobación do POS 2015. “Agora asegúranos que é factible incluír esta obra no próximo POS, algo que consideramos imprescindible porque así nolo transmitiron os veciños de Santa Cruz”, apunta Xesús Pedreira.

21 de xaneiro de 2015 | 11:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.