Os empresarios de Mos xa dispoñen da tecnoloxía máis vangardista e punteira nas telecomunicacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Reunión AEMOS e R

Reunión AEMOS e R

No seu obxectivo de buscar solucións a calquera problema que sufra o tecido empresarial mosense, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), despois da súa constancia e dun arduo traballo, anuncia aos seus asociados a existencia de fibra óptica no municipio a través de R. “Hoxe chama á porta de Mos o século XXI e pasamos de estar á cola, a dispoñer da tecnoloxía máis vangardista e punteira neste ámbito”, subliña o presidente de AEMOS, José Mañas.

A actuación materializouse coa firma dun acordo entre o propio Mañas e o Conselleiro Delegado de R, Arturo Dopico. “Esta foi o resultado duns oito meses de encontros e entrevistas con responsables da operadora R, onde puidemos describir os déficit nos sistemas de telecomunciación que presentan as nosas zonas industriais con respecto á tipoloxía e gran volume de empresas nelas asentadas.

Mantivemos numerosos encontros con altos responsables, enxeñeiros e técnicos comerciais da empresa analizando as distintas zonas de concentración industrial máis viables para o que chegamos a favorecer o contacto empresa a empresa coa operadora, co obxectivo de facer un diagnóstico de situación o máis veraz e axustado posible á realidade de cada unha, con respecto ás súas comunicacións neste ámbito,” explica Mañas. As beneficiarias serán máis de 300 empresas, asentadas todas nunha área xeográfica importante dentro do Concello: Rebullón, Puxeiros, Portela, Montefaquiña e o PEMOS da Veigadaña, que aínda sendo un parque industrial novo carecía de despregamento desta infraestrutura.

E o resultado a tanto esforzo, tesón e perseveranza chegou. Conseguiuse atraer a R a Mos para que despregue fibra de alta calidade, ofrecendo 100 megas de baixada e 10 de suba, “un servizo fiable e de última tecnoloxía ao nivel dos mellores polígonos industriais de Galicia”, asegura o xerente comercial de pemes, Juan Gayoso.

“Dende Aemos estamos a enviar a R, en continua comunicación, información en detalle de cada empresa que nos manifestou o seu interese e problemática para que lle dean unha solución con respecto ao seu asentamento e infraestrutura asociada”. Neste caso, o socio sempre estará acompañado na implantación e serán os primeiros en conseguir acceso, xa que R terá información de primeira man. Ademais, o convenio subscrito con AEMOS considera descontos en tarifa importantes.

Antiga problemática latente

Numerosas empresas veñen padecendo este problema asentadas ao longo dos 53 quilómetros cadrados do municipio de Mos. Carécese dun servizo estable de rede de datos, sufrindo cortes ou baixadas de velocidade; e tamén xa foron moitas as queixas transmitidas por AEMOS a distintas operadoras, sen recibir nunca resposta ningunha. “Fartos de escoitar propostas de solución paliativas, como o satélite, wimax ou wireless,… coas que tampouco se puido remediar o problema. Dende a asociación buscamos pola nosa conta, e co obxectivo de atender ás necesidades dos nosos asociados, intentando dar solución á precariedade do servizo de comunicacións existente”.

Dende fai xa varios anos, Aemos veu denunciando e reclamando a distintas operadoras, solucionar constantes e continuos fallos de conectividade, producidos por unha infraestrutura obsoleta, non renovada e saturada pola crecente demanda nas comunicacións. “Sistemas e infraestruturas de telecomunicacións nada axeitadas a un relevante tecido industrial, no tocante ao seu tamaño e diversidade”.

Na actualidade, Mos figura no 4º posto do ranking de maior facturación da provincia de Pontevedra. O progresivo asentamento de empresas que experimentou o municipio ao longo das dúas últimas décadas, non levou aparellado a creación de servizos á altura das necesidades empresariais neste ámbito, o que minguou a súa competitividade con respecto a empresas asentadas noutras demarcacións.

“Moitas foron as empresas que teñen demandando solucións a esta continua problemática, polo que cremos que o despregamento desta infraestrutura dará solución paulatina a un dos máis antigos problemas transversais que padecen as nosas empresas e que foi constatado ano a ano en estudos xornais realizados empresa a empresa”, conclúe Mañas.

9 de xaneiro de 2015 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.