Os de Juanlu recuperan a senda da vitoria

Encontro Burela – Levante
Os de Juanlu non defraudaron esta tarde en Vista Alegre. Chegaban co obxectivo dos tres primeiros puntos da segunda volta e de 2015 e non titubearon ante o Levante UD DM (4-0), dando unha mostra máis da súa evolución e madureza, conseguindo ademais finalizar coa portaría a 0 por primeira vez esta tempada, cunha actuación perfecta de Álex.
Chano foi o encargado de inaugurar o marcador xa no minuto 4, ao recoller dende a banda un balón de Mata, que esperou na área visitante o pase do Bellvert tras recuperación en media pista. As ocasións tiñan firma laranxa. No 6 o meta valenciano, Yeray, estivo moi atento ante un balón longo que se intentou coar por arriba; tamén desbaratou as intencións de Chano dende saque de esquina. Aínda que nada puido facer, no 8, ante Iago, que aproveitou un excelente pase de Antoñito para subir o 2-0.
Con cinco faltas no minuto 13, os mariñanos souberon reaccionar con intelixencia e seguir xerando perigo en ataque. No 15, Iago, asistido por Chano, non puido bater a Yeray. Unha das ocasións máis claras para o Levante protagonizouna Ossorio no 18, pero topouse co pau. O 3-0 puido estar nas zapatillas de Chano novamente a falta de 30 segundos para o descanso, pero o 11 laranxa non puido controlar o balón fronte á portaría visitante. Inmediatamente, Álex, outra vez sublime, evitou que os visitantes recortasen distancias freando un potente disparo afastado de Márquez.
Os primeiros minutos da segunda parte puxéronse costa arriba para os da Mariña con máis traballo para Álex. Antes de cumprirse o minuto 21, o gardameta laranxa saíu vitorioso ante dobre lanzamento de Pedro e Kiko e segundos máis tarde de Ossorio. Revert tamén buscou con insistencia a meta burelista dende a banda.
No minuto 26 chegou a primeira ocasión para ampliar a renda dos galegos, de Carlitos. Deseguido, Bellvert e Iago tamén intentaron sorprender, sen éxito, a Yeray. Tras un mísil dende media pista de Matamoros, rozando o ecuador, quen se puido bater a portaría valenciana de novo foi Chano, que aproveitou un balón morto na área, tras falta de Yeray sobre Iago Míguez. Ossorio, un dos máximos perigos dos levantinos, intentou acurtar distancias no 35, con correcta saída de Álex e posterior rexeitamento de Bellvert. Tras o prodixioso pé que Yeray sacou ante Antoñito, os valencianos apostaron polo xogo de cinco con Márquez, a pouco máis de tres minutos para o final, sen éxito. O 4-0 subiu ao marcador por propia porta de Pedro no 38, na tentativa de salvar un disparo de Iago Míguez. Os galegos dispuxeron de dous dobres penaltis nas zapatillas de Mata nos últimos minutos.
Nunha cita na que por fin o Burela FS Pescados Rubén non estaba condicionado pola enfermaría, o lastre das lesións volveu aparecer. A falta de case tres minutos para o descanso Isi sentiu unha picada no muslo que o obrigou a retirarse; haberá que esperar un mínimo de 48 para coñecer o verdadeiro alcance da lesión muscular do 7 laranxa.











