Os cócteles moleculares chegan ao C.C. Arousa para espertar os sentidos
O vicepresidente da Asociación Galega de Barmen (Agaba), Diego Mosquera, experto en mixología molecular e considerado o Ferran Adrià da coctelería, impartirá mañá, ás 20:00 h. e na Aula de Cociña do Centro Comercial Arousa (2ª planta), un taller de mixología molecular no que introducirá os asistentes na elaboración dos denominados cócteles sensoriais, a última tendencia mundial en coctelería.
Mosquera mostrará de forma práctica os segredos que esconden estas vangardistas bebidas, en cuxa preparación se aplican técnicas científicas empregadas tamén na gastronomía molecular, en auxe nos últimos anos, e que buscan sorprender e provocar novas experiencias no consumidor mediante a estimulación dos sentidos e a través da creación de novos sabores, cores, texturas ou espectaculares efectos visuais.
Piruletas nitroxenadas de daiquiri de amorodo, flocos de millo de piña coada, trampantojo Cafeeira cóctel ou mojito Atlántico con néboa do Nordés son só unha mostra dos cócteles que serán elaborados por Mosquera ao longo do taller e que permitirán aos asistentes iniciarse no uso de elementos como o nitróxeno líquido, o óxido nitroso, o xeo seco ou o alxinato para a creación de escumas, néboas, fumes ou aires, así como no emprego de técnicas como a esferificación ou a conxelación.
O taller será de carácter gratuíto e de acceso libre ata completar aforamento.
Referente en coctelería molecular
Diplomado en Turismo pola Universidade da Coruña, Diego Mosquera Miramontes alzouse co Premio Nacional de Coctelería en 2001. Está considerado como un dos grandes referentes nacionais en materia de coctelería e hoxe en día compaxina o seu cargo á fronte da vicepresidencia de Agaba co de camareiro executivo do Vaová Gastro Gin -situado en Santiago de Compostela e do que é copropietario-, coa súa actividade como docente de hostalaría, relator en congresos nacionais e internacionais e colaborador de diversos medios de comunicación como é o caso da Radio Galega e de diferentes revistas do sector de bebidas Premium.











