publicidade hoxe

Os clientes do CCA de Boiro elixen como o seu comercio favorito a Deportes Hermida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+

Deportes Hermida foi escollido como o comercio favorito dos participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de novembro nos establecementos asociados ao CCA de Boiro.

Esta empresa familiar, con orixes en 1930 en Noia e que abriu o seu establecemento en Boiro en 2009, foi o que máis clics recibiu na web da campaña, na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron agasallos aos clientes gañadores, salientou que ademais de destacar o traballo dos centros comerciais abertos Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. A iniciativa da Consellería de Economía e Industria sumou en Boiro máis de 23.000 participacións, o que situou ao CCA boirense como o máis activo durante o mes de novembro.

Sol Vázquez lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Boiro resultou beneficiado con apoios por preto de 40.000 euros en 2014, e cuxa nova convocatoria vén de activarse.

7 de xaneiro de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.