Os clientes da Zona Aberta de Vilagarcía elixen como o seu comercio favorito a tenda de informática Stin

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A tenda de informática Stin foi escollida como o comercio favorito dos participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de decembro nos establecementos asociados ao CCA Zona Aberta de Vilagarcía de Arousa.

Este comercio con preto de dúas décadas de traxectoria foi o que máis clicks recibiu na web da campaña, na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado, así como os agasallos aos clientes premiados, salientou que ademais de destacar o traballo dos centros comerciais abertos Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. A iniciativa da Consellería de Economía e Industria sumou en Vilagarcía preto de 6.000 participacións.

Sol Vázquez lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Vilagarcía resultou beneficiado con axudas por 40.000 euros o ano pasado, e na que tamén obtivo apoios a asociación de praceiros local. Ata o vindeiro 13 de febreiro permanece aberta á presentación de solicitudes a nova convocatoria destas axudas, cunha dotación de 2,2 millóns de euros.

27 de xaneiro de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.