Os Cempés traen a San Sadurniño un novo obradoiro do seu Baile 100%

Os Cempés
Os Cempés idearon recentemente un xeito distinto de recuperar a cultura do baile en grupo. É o que eles denominan Baile 100% cos Cempés e consiste en organizar obradoiros cos que aprender os movementos básicos e despois gozar deles practicando con música ao vivo do propio grupo. O próximo sábado a partir das 19.30h. terémolos na Casa da Cultura e o día 7 de febreiro -tamén sábado- repetirán a experiencia en Naraío.
Desta maneira Os Cempés apostan polos bailes de toda a vida contrapoñéndoos ás bachatas, cumbias e hits radiofónicos que enchen as verbenas. Pero tamén propoñen unha alternativa aos festivais e concertos folk deseñados só para escoitar ou para lucimento de quen interpretan as pezas. O deles é máis ben a festa e o entretemento a través dos pasodobres, os valses, os chotis, as muiñeiras, as polcas, as mazurcas, chapelois… e así ata completar unha ducia de bailes distintos que son máis divertidos cando se aprenden e se practican en grupo.
A dinámica é sinxela. No primeiro obradoiro -o que comeza ás 19.30h.- Serxio Cés convértese en monitor de danza para mostrar os movementos básicos de bailes agarrados, soltos e en grupo de Galicia, Bretaña e Escocia. A medida que se aprende un baile faise unha pequena práctica con música e despois pásase ao seguinte. A segunda parte da proposta dos Cempés -a partir das 21.00h- é un baile propiamente dito onde o grupo toca de corrido varias pezas para exercitar todo o aprendido.
Para participar non fai falla ter un excelente estado físico. Os movementos son tan sinxelos de facer que o Baile 100% está aberto a todas as idades. Tampouco é necesario inscribirse previamente, abonda con ser puntuais e, iso si, colaborar co grupo con 5 euros por cada obradoiro. Quen participe nos dous farao por un prezo de ganga posto que por dez euros levará a hora e media de clase de baile, outra hora e media -ou máis- de música e un cedé dos Cempés como agasallo.
Antón Varela, Óscar Fernández, Serxio Cés e Roberto Grandal iniciaron o ano pasado esta proposta cultural e lúdica que se está movendo con éxito por toda Galicia. O sábado 7 de febreiro haberá unha nova oportunidade de gozar dela. Será no local social de Naraío e co mesmo horario organizada pola A.VV. O Castelo.











