Os alumnos de “Inserta 4” inicia as prácticas en máis dunha vintena de empresas da comarca de Ferrol
A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, informou hoxe do inicio das prácticas en empresas dentro do Programa Integrado “Inserta 4”, posto en marcha o pasado mes de agosto, e que esta fase se prolongará ata o vindeiro mes de marzo. Un total de 25 empresas de Ferrol e comarca participan neste programa do Concello de Ferrol para que os participantes nesta iniciativa de inserción laboral poidan realizar prácticas dentro de sectores como o comercio, hostalería, alimentación, socio-sanitario e servizos.
O programa está dirixido á formación de 80 persoas desempregadas para mellorar as súas posibilidades de inclusión laboral e conta coa cofinanciación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Así mesmo, o itinerario combina accións de información, orientación, asesoramento, formación e práctica laboral. Estas prácticas en empresas teñen unha duración de seis semanas e se desenvolven de luns a venres en sesións diarias que oscilan entre as 5 e 8 horas.
Martina Aneiros explicou que os obxectivos destas prácticas en empresas do programa integrado para o emprego “Inserta 4” son mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles un contacto coa realidade laboral actual; contribuír a completar a súa formación; desenvolver competencias e habilidades profesionais; e aprender as habilidades e os hábitos de novas actividades. Neste senso, a titular de Emprego sinalou que son un total de 50 persoas as que levan a cabo esta fase de prácticas, posto que as restantes xa están incorporadas ao mercado laboral ou non desexan realizala.
As empresas que acollen aos alumnado en prácticas pertencen aos sectores alimentario, hostaleiro, de bricolaxe-construción, moda e complementos, electrodomésticos, servizos, deportes, entidades sociais e fundacións, restauración colectiva, limpeza ou socio-sanitario. Ao fío disto, a concelleira Martina Aneiros destacou a importancia das prácticas en empresas para a inclusión no mundo laboral.











