Os alcaldes do Consorcio As Mariñas acordan modificar os estatutos para adaptarse á nova lei
Os alcaldes dos Concellos que forman o Consorcio As Mariñas reuníronse no mediodía de hoxe para decidir a ruta a seguir para adaptarse á nova lei de administración local do Estado, tras non se poder executar a anterior decisión plenaria polas discrepancias xurídicas xurdidas entre os habilitados nacionais. Á reunión, convocada polo presidente, José Antonio Santiso, acudiu Ramón Valentín López Rey, asesor xurídico da Deputación da Coruña. O Consorcio pediulle asesoramento dada a súa ampla experiencia na materia. De feito, foi autor dos estatutos do Consorcio As Mariñas na súa constitución no ano 2000.
Baseándose na proposta de López Rey, os alcaldes do Consorcio acordaron por unanimidade o seguinte:
– Conformarase un grupo de traballo formado polo secretario do Consorcio, o interventor, e o asesor xurídico provincial para a modificación dos estatutos do ente supramunicipal.
– Esta modificación consistirá en adscribir o Consorcio a un dos Concellos con maior peso: Oleiros, Arteixo, Culleredo ou Cambre (todos con 21 concelleiros na corporación), posto que a lei así o permite. Nos estatutos incluirase que o Concello ao que se adscribe o Consorcio será decidido anualmente polo pleno por unanimidade.
– Manterase unha reunión do mencionado grupo de traballo cos habilitados nacionais dos nove Concellos para garantir que o proceso conte cos vistos bos oportunos, antes da aprobación en pleno da modificación dos estatutos.
– En paralelo, o Consorcio estudará a creación da mancomunidade que no seu caso substituiría o Consorcio.
A adhesión a un Concello, segundo explicou o asesor provincial, só significará a necesidade de darlle conta da aprobación de contas e presupostos para que lle poida dar traslado aos órganos de fiscalización do Estado. Non implicará ningún tipo de cambio no funcionamento actual do Consorcio.
A nivel de prazos, o Consorcio espera que os novos estatutos poidan estar listos para o mes de marzo, prazo que dá a lei, dado que foi modificada o mes de setembro.











