Os afectados pola finalización da concentración parcelaria de Ferrol reúnense co edil José Polo Veiga
O concelleiro de Zona Rural do Concello de Ferrol, José Polo Veiga, participou hoxe no local social de Esmelle nunha reunión informativa sobre a culminación do proceso de concentración parcelaria de Covas, Esmelle, Marmancón e Mandiá iniciado hai ao redor de 30 anos e que por fin chega ao seu final. O encontro desta mañá tivo lugar a petición dos afectados por este proceso e ao mesmo asistiu o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias de A Coruña coa finalidade de explicar o que resta para a finalización definitiva da parcelaria nestas parroquias.
Así, nesta fase final do proceso resta que o acordo cos propietarios adquira acto de firmeza e sexa publicado nos correspondentes boletíns oficiais. Nestes tres decenios que durou o proceso -comezou nos anos 80 do século pasado e, oficialmente, a principios dos 90 coa constitución das bases- o mapa xeral da concentración parcelaria foi presentando sucesivas modificacións dende o seu inicio até a actualidade, de aí a petición dos afectados de manter este encontro explicativo coa finalidade de despexar as dúbidas dos titulares.











