Oroso entrega os xoguetes da campaña “En Reis, ningún neno/a sen agasallo”
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Benestar, Antonio Leira, entregaron hoxe os xoguetes adquiridos no marco da campaña ‘En Reis, ningún neno/a sen agasallo’, que un ano máis garante que todos os cativos das familias máis vulnerables do municipio teñan un agasallo o día de Reis.
Nesta iniciativa colaboraron practicamente todos os establecementos comerciais do municipio, que albergaron huchas específicas nos seus locais durante varias semanas para recoller os donativos efectuados polos seus clientes. Antonio Leira destacou e agradeceu precisamente “a gran implicación dos comerciantes e dos veciños de Oroso para que todos os cativos poidan ter un xoguete nun día tan especial como o de Reis”.
O departamento de Servizos Sociais do Concello encargouse de recoller os cartos doados pola cidadanía para posteriormente entregarllos aos dous establecementos que lideraron a campaña co Concello, as librarías Refoxos e Aula 10. Foron estes negocios os que xestionaron a obtención dos agasallos, entregados esta mañá ás familias para que o vindeiro luns lles cheguen aos cativos.











