Oleiros tratará o problema da tarxeta transporte ante o Consorcio
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asegurou esta mañá que transmitirá na próxima reunión do Consorcio o malestar do Goberno local polo mal funcionamento da tarxeta do transporte metropolitano. O Concello de Oleiros vén recibindo reiteradas denuncias tanto de particulares como de asociacións veciñais polo funcionamento anómalo deste servizo. Ademais o rexedor instou a Xunta, única responsable en materia de transporte, a que atenda este asunto.
Moitos destes usuarios denuncian que cada vez é máis frecuente que ao subir ao autobús e intentar pagar coa tarxeta moedeiro, esta non funcione correctamente porque a máquina validadora non a recoñece. Diante desta situación o condutor indícalle ao viaxeiro que a súa tarxeta non é valida e que ten que substituíla, polo que o veciño vese na obriga de pagar a viaxe en efectivo. Sumado a este inconveniente, o feito de ter que dispor de diñeiro en metálico para o pago do billete, algo que non sempre é así, sobre todo no caso da xente nova, o viaxeiro perde a subvención e pasa de pagar 0,85 euros, que é o custo dun billete normal á Coruña pagado con tarxeta, a 1,50 euros que custa o billete abonado en metálico.
O feito aínda ten maior gravidade porque na maioría dos casos, aínda que a tarxeta é defectuosa para as máquinas validadoras dos autobuses, funciona correctamente nos caixeiros da entidade bancaria. Isto quere dicir que a pesar de non funcionar hai que aboar 2 euros en Abanca para substituíla por unha nova para que sexa operativa nos autobuses, xa que a entidade bancaria substitúe gratuitamente as tarxetas que non funcionan nos seus caixeiros, pero non as que só funcionan mal nos autobuses.
Deste xeito os usuarios e usuarias da tarxeta de transporte metropolitano están castigados o triplo, cando a máquina validadora dos autobuses funciona mal e non le as tarxetas, teñen que pagar o importe en metálico cun sobrecusto de 0,65 euros, non teñen dereito ao transbordo gratuíto, no caso de que o precisen, e ademais teñen que aboar 2 euros por unha nova tarxeta.











