O xuvenil Duclós será o representante céltico no Sudamericano sub-20
A Madroa estará representada no Campionato Sudamericano sub-20 que se celebra dende este mércores en Uruguai. O defensor céltico Francisco Duclós, xogador do Celta Xuvenil de División de Honra, forma parte da convocatoria de Perú para participar neste prestixioso torneo no que se outorgan catro prazas directas para o Mundial da categoría (Nova Zelandia 2015) ademais dunha praza directa e un acceso ao playoff de cara aos próximos Xogos Olímpicos (Río 2016).
A selección peruana da que forma parte Duclós (1996) está encadrada no Grupo A do campionato xunto a Paraguai, Ecuador, Bolivia e Arxentina, unha das máximas favoritas. Con esta importante convocatoria o defensor celeste reafirma a súa presenza na sub-20 de Perú tras debutar o pasado mes de setembro nesta categoría.
A presenza de Duclós no Sudamericano sub-20 non só é un premio para o xogador, senón tamén para o RC Celta e a súa Fundación, que continúan traballando con gran dedicación para fortalecer as categorías inferiores do club e aumentar a proxección nacional e internacional do proxecto de canteira celeste.











