O xulgado de Vigo declara procedente o despedimento disciplinario dun afiliado da CIG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O Xulgado do Social número 5 de Vigo desestimou a demanda interposta por Francisco A.G., afiliado da CIG, e que foi despedido de PSA Peugeot Citroën en xuño pasado, tras negarse a realizar unha operación de seguridade requirida no posto no que desempeñaba o seu labor. O xuíz fallou que o despedimento disciplinario deste operario foi procedente.

Segundo a sentenza, é un feito probado que Francisco se negou a realizar unha operación de marcado dunha peza dos freos, e que mantivo esa negativa malia ser reconvido polos seus superiores. Este traballador depuxo a súa actitude despois de que se celebrase un encontro entre os seus xefes e os delegados sindicais.

Malia que no xuízo, o traballador despedido recoñeceu que puido facer o seu traballo con “menos rigor” debido á “sobrecarga” de tarefas á que estaba sometido, o maxistrado da sala considera que el e o seu compañeiro de montaxe (que tamén foi despedido pola mesma causa) “decidiron de mutuo acordo non facer esa operación, sendo conscientes de que ese conduta podería carrexarlles unha sanción”.

A resolución xudicial tamén considera probado o “prexuízo” que esa decisión causou a empresa, xa que se viu obrigada a revisar a produción de varios días e, de feito, constatou que houbo 871 coches que non tiñan esa peza marcada. Para emendar esa situación, a empresa tivo que mobilizar recursos humanos e técnicos.

O xuíz entende que o demandante “se empecinó no seu proceder” aínda sabendo que cometía unha “vulneración” dos seus deberes, e recalcou que a súa conduta de “desobediencia, aderezada de certas notas de insolencia,”, o levou a manter “un pulso coa empresa”. Por iso, desestimou a demanda do traballador e declarou procedente o despedimento.

PROTESTAS

En maio de 2014, a empresa comunicou o despedimento a este e a outro traballador polo que considerou unha falta “moi grave”. Segundo a dirección da factoría, Francisco A.G., decidiu “consciente e voluntariamente” deixar de realizar unha operación relacionada coa seguridade nos freos dos coches, que debía levar a cabo no seu posto de traballo.

Cando se levaron a cabo os dous despedimentos, a CIG convocou numerosas protestas, e mesmo houbo unha folga de fame para esixir a readmisión. O sindicato sostiña que os despedimentos foron “inxustos” e unha medida “desproporcionada”.

21 de xaneiro de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.