O Torrente Ballester acollerá a proxección gratuíta da curtametraxe “Internet: sabes realmente con quen falas”

Presentación da curtametraxe
O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá a estrea da primeira curtametraxe da nova produtora local “Otro Rollo Producciones” que leva por nome “Internet: sabes realmente con quen falas?” que se proxectará mañá venres no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB). García Hurtado estivo acompañado polas integrantes da produtora, Alba Casas; Verónica Álvarez; e Alexandra Pérez.
O edil de Cultura explicou que a curtametraxe se centra en internet e no seu uso “unha ferramenta que cambiou as relacións das persoas”. A proxección de “Internet: sabes realmente con quen falas?” dará comezo ás 19:00 horas e incluirá un making off que resume o proceso creativo da obra audiovisual. A entrada será gratuíta pero será necesario retirar invitación no despacho do Teatro Jofre ou media hora antes da exhibición no propio CTB.
Segundo sinalou unha das integrantes da produtora ferrolá, Alba Casas, a curtametraxe será levada a “todos os festivais posibles xa que estamos subtitulándoa a inglés”. Así mesmo, destacou que a temática facilita que poida ser utilizada en centros educativos para abordar o manexo da rede entre os menores.











