O SPAD inicia os obradoiros de bebidas saudables polos que pasarán 305 escolares de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Área de Prevención do SPAD de Vilagarcía pon en marcha o vindeiro luns o Obradoiro de Bebidas Saudables un programa que o centro dependente do Concello desenvolve dende hai 15 anos. Nesta XVI edición participarán Un total de 305 alumnos e 18 profesores dos sete centros educativos de Primaria do municipio máis dos usuarios do Asociación Con Eles. O persoal do SPAD impartirá un total de 9 obradoiros (18 sesións) nos centros educativos co obxectivo de informar aos nenos e nenas sobre os efectos negativos que ten na saúde o consumo de bebidas alcohólicas ou determinado tipo de refrescos azucrados e para presentarlles de forma práctica outras alternativas ensinándolles a preparar batidos e zumes a base de froitas e lácteos.

Os Obradoiros de Bebidas Saudables englóbanse dentro do subprograma de Educación para a Saúde que desenvolve o SPAD a través da súa área de Prevención. Trátase dunha actividade teórico-práctica coa que se pretende que os nenos e nenas reflexionen sobre o consumo de bebidas que habitualmente consumen, tanto eles, como as persoas do seu entorno próximo, proporcionándolles unha información clara sobre o uso e abuso do alcohol. Á vez, e mediante a práctica, pretende fomentarse o consumo de bebidas saudables que eles mesmos aprender a preparar nos obradoiros.

Os obradoiros están destinados a escolares de 5º curso de Primaria. Comezan o luns, 2 de febreiro, no CEIP Rosalía de Castro, e continuarán os restantes días da semana nos colexios de Vilaxoán, A Escardia, Rubiáns e Sagrada Familia. A actividade retómase o 11 de febreiro nas dependencias da asociación “Con Eles” e os días 23 e 25 deste mesmo mes realizaranse 3 obradoiros no comedor da Lomba, aios que asistirán os alumnos deste centro e tamén os do Arealonga.

30 de xaneiro de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.