O Servizo de Protección Civil de Ourense colaborou nun total de 226 operativos na cidade
Un total de 226 operativos requeriron durante o ano 2014 a colaboración do servizo de Protección Civil do Concello de Ourense. Así o recolle a memoria xeral do servizo, que foi integrado durante o ano 2014 no servizo de extinción de incendios e salvamento. As súas principais labores son a ordenación dunha estrutura operativa que permita activar de xeito coordinado e eficaz todos os recursos dispoñibles nas situacións de emerxencia, a organización dos servizos públicos xa existentes e a súa posta en acción coordinada, e a planificación e coordinación dos distintos servizos públicos dependentes das diferentes administracións públicas.
Ademais, o sistema de protección civil funciona tamén mediante a participación cidadá nas accións de protección de persoas ou bens, e engade aos recursos públicos dependentes das administracións a dispoñibilidade de todos os recursos e materiais da propia sociedade civil, tratando de que as accións existentes se dirixan de xeito eficaz á finalidade de dar resposta ás situacións de risco colectivo que constitúen o seu obxecto.
Participaron no servizo, durante o ano, un total de 126 homes e 38 mulleres, sumando un total de 164. Dentro do equipamento móbil dispoñible, atópanse dous todo terrenos, un posto sanitario avanzado, unha furgoneta, dúas ambulancias, dous remolques, catro bicicletas e dúas motos sanitarias.
Operativos do 2014
Ao longo do ano, o servizo participou nun total de 226 operativos, 170 programados e 56 non programados. Os operativos programados consistiron en concertos musicais, desfiles, festas patronais, vixilancia no río e nas termas, simulacros, eventos xuvenís e programa de feiras Expourense. Dentro das actividades deportivas, os membros de protección civil colaboraron en carreiras pedestres, andainas, concentracións de motos, probas ciclistas e rallyes, entre outras.
Neste ano, Protección Civil prestou servizo na Praia da Antena, en Outariz, na Chavasqueira, na piscina pública de Oira, no Muíño da Veiga e na piscina Rosario Dueñas.
A maiores, houbo operativos non programados en resposta a incidencias meteorolóxicas, como inundacións, temporais de choiva ou neve; búsqueda de persoas desaparecidas, rescate subacuático no río Miño, incendios, accidentes de tráfico ou fugas de gas.
Formación 2014 e servizo de ambulancias
A formación de Protección Civil é impartida pola AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) da Xunta de Galicia. Participaron en cursos de actualización de primeiros auxilios, loita contra incendios, formación en desfibrilación, búsqueda e salvamento, etc. Así mesmo, durante o ano 2014, o servizo realizou un total de 487 servizos con ambulancias do Concello de Ourense, a petición do 112 e do 061.
Plan de Emerxencia Municipal
En xullo do ano 2014, quedou constituída a Xunta local de Protección Civil como órgano deliberativo e de asesoramento en materia de protección civil no Concello de Ourense, para a elaboración do PEMU (Plan de Emerxencia Municipal). Así mesmo, créase unha oficina no Concello de Ourense e un equipo de traballo para este labor, que prevé a súa finalización ao longo do presente ano.











