O Secretario Xeral do PSdeG estará o luns nos Almorzos On/Off de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Besteiro, estará nos ‘Almorzos On/Off’ de Santiago de Compostela o vindeiro luns 26 de xaneiro. O almorzo celebrarase partir das 11:00 horas na Galería Sargadelos da capital galega (Rúa Nova, 16).

A demarcación da Santiago do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), coa colaboración de Sargadelos, organiza este acto que dará comezo ás 11:00 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 11:45. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.

Por motivos de organización, para poder asistir ao ‘OFF’ para colexiados é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.com ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Xosé Ramón Gómez Besteiro

Licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Avogado de profesión, comezou a militar no PSdeG-PSOE aos 31 anos.

Concelleiro e portavoz do goberno socialista de Lugo entre 1999 e 2007, é presidente da Deputación de Lugo dende xullo de 2007, onde está a centrar seu traballo no emprego, a economía medioambiental, as novas tecnoloxías e a loita contra o despoboamento. Dende o organismo provincial creou unha rede pública de residencias e centros de día, a transferencia dos hospitais ao Sergas, a creación da UNED en Lugo, a construción dun centro de recría de gando e a posta en marcha dunha rede provincial de parques de bombeiros.

Secretario xeral da Agrupación de Lugo ata 2012, cando asumíu a secretaría provincial, e en setembro de 2013 foi elixido secretario xeral do PSdeG-PSOE no Congreso Extraordinaria, no que obtivo o 95 por cento dos votos, logo de vencer nas eleccións primarias do PSdeG-PSOE.

Almorzos ON/OFF

Esta nova rolda de encontros comezou o 23 de outubro, do pasado ano, con Anxo Quintana, continuando con Xoán Bascuas, Xavier Vence, Carolina Bescansa e Xosé Manuel Beiras, e está previsto que acudan a eles diversos dirixentes de todas as formacións políticas.

Os ‘Almorzos On/Off’ lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas, que actualmente se realizan tamén na Coruña, pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

23 de xaneiro de 2015 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.