O Santiago Futsal viaxa a Zaragoza hoxe para medirse mañá a D Link Zaragoza
Santiago Futsal medirase mañá a D Link Zaragoza no encontro da 17ª Xornada de Liga que se disputará no pavillón Siglo XXI ás 20.45 h. Ambos os dous conxuntos chegan a este encontro tras caer no primeiro partido do ano, os de Santiago na casa fronte a Magna Navarra (1-3) e os aragoneses fronte a Xaén Paraíso Interior (3-2). Este partido será clave para o conxunto dirixido por Santi Valladares, que queren recuperar as boas sensacións do final da primeira volta e engancharse ao tren dos play off.
Os de Santiago chegan a este encontro na décima posición da táboa, cun total de 19 puntos, a tan só 3 dos postos de play off. Tras a derrota o pasado domingo ante Magna Navarra, o conxunto branco viaxa a Zaragoza co firme obxectivo de sumar os primeiros 3 puntos do ano e conseguir unha vitoria nunha pista maldita na que o Santiago Futsal non gaña dende a tempada 2007/2008.
O rival, D Link Zaragoza, ocupa a duodécima posición, con 3 puntos menos que o Santiago Futsal. Os de Jorge Sampedro tamén obtiveron unha derrota no primeiro partido de Liga do 2015 na pista do Xaén Paraíso Interior. O partido de mañá suporá unha dura proba para ambos os dous conxuntos para lograr sumar os primeiros 3 puntos do ano.
Se nos remontamos aos partidos de pasadas tempadas, o Santiago Futsal non consegue gañar en Zaragoza dende hai 7 anos (3-9), e a única vez que puntuou foi na tempada 12/13 cando conseguiu un empate 2-2. A tempada pasada o encontro resolveuse cun resultado de 3-1 nun encontro que os de Santiago non foron capaces de remontar a pesar do gol de Lucho nos últimos instantes do encontro.
Para o encontro de mañá, Santi Valladares non poderá contar con Lucho, que segue co proceso de recuperación da lesión de xeonllo que sufriu a tempada pasada, aínda que xa se está a exercitar co grupo. Tampouco viaxarán Santi, que sofre un proceso vírico; nin Borja, que se exercitou esta semana á marxe dos seus compañeiros.











