O Santiago Futsal ten que seguir medrando e consolidándose na segunda parte da Liga

Rolda de prensa de Santi Valladares e Marcos Vara
O Santiago Futsal visita mañá (Pavelló Nou, 20.45 h) a difícil cancha do Marfil Santa Colomba no encontro da 19ª Xornada de Liga.
Santi Valladares, técnico do conxunto de Santiago, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación presentes en rolda de prensa, acompañado do porteiro do Santiago Futsal Marcos Vara, quen tamén analizou o encontro de mañá.
En primeiro lugar, o adestrador galego referiuse á marcha de Chus do equipo e a súa fichaxe pola Segovia Futsal “Chus e eu falamos e comenteille a situación na que estaba o club, e el díxome a súa opinión. Asique foi case unha simbiose entre os dous. Os dous coincidimos e de mutuo acordo decidiu marchar, e a verdade é que encontrou outro equipo rápido. Iso é moi bo para o xogador e para nós, que nos alegramos de que siga xogando e teña equipo. “
En canto ao rival de mañá, Valladares destacou “É xunto co Barcelona, o equipo máis goleador da Liga. Na casa é o máis goleador. É un equipo puramente ofensivo. Marfil Santa Colomba agora mesmo está ocupando unha posición na clasificación que non é real con respecto ao equipo que ten. Reforzado respecto ao ano pasado, e que conta cun xogador como Dani Salgado que, á parte de ter moita calidade, é o máximo goleador da liga, que balón que toca, balón que é gol. Ademais de estar rodeado de escudeiros de moito potencial, como Rafa López, Adolfo, Segura, Charlie, Rubén… Ten un equipazo e xoga un fútbol sala moi alegre. “
O técnico tamén analizou a dificultade de xogar en campo rival “A de Marfil é unha cancha na que temos que competir. Temos que ir a gañar e se é xogando ben, moito mellor. Pero é unha cancha na que temos que estar a un alto nivel, porque o público aperta e eles son moi grandes e moi fortes na súa cancha. “
Valladares fixo referencia á evolución do equipo nesta segunda volta, na que non conseguiron ningunha vitoria, pero na que recuperaron as boas sensacións do final da primeira volta “No partido contra El Pozo, na segunda parte fomos capaces de volver competir e volver ser un pouco nós. Tiñamos que buscar a forma de transferir no partido o traballo dos adestramentos. Levabamos 3 partidos nos que non estabamos a ser nós, por múltiples circunstancias, e si que o outro día contra El Pozo creo que foi unha segunda parte francamente boa. Onde si que ao final nos sorprendeu a nós mesmo a situación final do partido: cando quedan dous minutos cincuenta e oito e eles están cun menos. Iso non estaba en ningún plan. Colleunos de sorpresa e tremeunos máis que a eles. Pero iso gáñase coa experiencia, se agora nos volve xurdir a mesma situación seguro que non volve pasar o mesmo. Son etapas que hai que ir queimando.
O técnico tamén engadiu ao respecto que “Eu espero que sigamos medrando e que sigamos consolidándonos nesta segunda parte de Liga como o final da primeira. Fáltanos esa regularidade, pero collela é parte do proceso deste equipo. Neste momento temos unha situación de relativa comodidade cos de abaixo, pero non nos podemos despistar. “
Tras a comparecencia de Santi Valladares, o meta do Santiago Futsal Marcos Vara atendeu aos medios. O porteiro fixo referencia á consecución dos obxectivos do club “O obxectivo é salvar a categoría e creo que o temos bastante encarrilado, asique dende ese punto de vista estamos bastante ben. Tamén falabamos que queriamos ser máis ambiciosos e que non renunciabamos a nada, e nese punto estamos. Está claro que se a principio de tempada nos din que temos opcións de chegar con Play Off ou que quedamos a 3 puntos da Copa, o tivésemos asinado. A ver se demostramos esa ambición e os plasmamos nos partidos e en traballo do día a día. “
En canto á alternancia na portaría, Marcos Vara explicou que “Estamos aquí para cumprir os obxectivos do club e que a portaría estea o mellor cuberta posible. Como porteiro, se ti sabes que vas xogar todos os partidos, aínda que non esteas no teu mellor nivel ou aínda que tiveses unha semana na que estiveches con molestias e tes esa seguridade de que vas xogar, o teu nivel igual non vai ser o que ti podías dar. Do mesmo xeito, se non xogas todos os partidos pódeche faltar esa regularidade ou esa confianza. Asique todo ten cousas boas e malas pero o importante é que o equipo cumpra os obxectivos, como dixen antes. “
Marcos Vara tamén analizou ao seu rival de mañá, Marfil Santa Colomba Somos conscientes de que Marfil é un equipo moi poderoso ofensivamente. Con varios xogadores entre os máximos goleadores da Liga e cun que é un referente ofensivo. Se nos atemos a iso e ao que sería un partido normal, seguramente será un partido no que eles vaian ter ocasións. Intentaremos que sexan as menos posibles e levar o partido ao noso terreo para ter máis opcións de gañar. “
Por último, o porteiro referiuse á marcha do seu compañeiro Chus das filas do Santiago Futsal “Non son noticias agradables de escoitar. A min persoalmente non me gusta que os compañeiros abandonen o equipo a metade de tempada, non é unha boa noticia. Pero se é para que a eles lles vaia ben, alégrome moito. Se tanto Marci por motivos laborais, deu o paso e estaba contento coa decisión que tomara, Chus igual. El estaba contento, o club tamén e por ese lado estou contento por eles. “











