O Santiago Futsal non logra romper a mala racha en Zaragoza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Saltou o Santiago Futsal á pista do Pavillón Século XXI coa clara intención de sumar os 3 puntos nunha pista que se terzaba complicada ante un rival, D- Link Zaragoza, que non poñería as cousas doadas aos de Santi Valladares. Pero nunha segunda parte na que o rival se mostrou superior aos de Santiago, declinou a balanza para os locais.

Nunha primeira parte de dominio alterno con ocasións para ambos os dous conxuntos, Iván Rumbo tería a primeira ocasión dos visitantes que salvaría o meta Iván Bernard. Pero sería o D-Link Zaragoza por medio de Carlos García o que se adiantaría no marcador no minuto 11.
O Santiago Futsal buscaría a igualada tras o gol local cun tiro de Galego que se estrelaría no pau. Pero o marcador non se movería e os equipos iríanse ao descanso co 1-0.

Tras o paso por vestiarios, e aos 18 segundos do comezo da segunda parte, Álex Verdejo marcaría o segundo para o conxunto maño ao anotar gol tras un rexeitamento que se foi ao pau. Sería tamén Álex Verdejo quen, no minuto 25 do encontro, anotaría o terceiro para os seus, deixando o partido moi costa arriba para os de Santiago, cunha acción individual que finalizaría en gol.

Cun Santiago Futsal que non lograba materializar as ocasións que xeraba en pista contraria, o D-Link Zaragoza aproveitaría unha acción á contra para que Carlos García fixese o cuarto tanto dos seus no minuto 30 do encontro.

Cun Santiago Futsal que xogaba con porteiro xogador en pista, con Hugo vestindo o elástico vermello, o meta local Iván Bernard, aproveitaría un balón parado en ataque de do Santiago Futsal para anotar o quinto na conta local.

Aínda que o xogador do Santiago Futsal Gallego reduciría distancias un minuto despois do gol local facendo o primeiro para os visitantes, Retamar pecharía o marcador co sexto e definitivo tanto do encontro deixando así, os tres puntos en terras aragonesas.

9 de xaneiro de 2015 | 23:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.