O Santiago Futsal non logra os tres puntos de Santa Colomba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Apenas transcorreran dous minutos dende o comezo do encontro, o equipo local adiantouse no marcador cun tanto de Eric Martell, que non errou no disparo a portaría tras pase de Dani Salgado.

O conxunto de Santiago non estaba cómodo na pista catalá nos primeiros compases do partido, pero xeraba ocasións de perigo en accións de roubos de balón e saídas á contra. Así foi como Diego Quintela logrou darlle a volta ao marcador en dous minutos. Primeiro igualaría o luminoso no minuto 9 de partido nunha saída á contra e remate ao segundo pau do capitán do equipo galego. E, tan só uns segundos despois, o de Arzúa asinaría o segundo gol galego superando o porteiro local Didac.

Segura rompería a remontada galega ao facer o empate para Marfil Santa Colomba no minuto 12 tras unha xogada pola banda de Rafa López.

Só dous minutos, nunha acción do meta Marcos Vara con Dani Salgado que finalizaría cun penalti favorable ao conxunto local, o pivote catalán non fallaría dende os 6 metros e volvería adiantar os seus antes do descanso.

A segunda parte comezaría co segundo gol de Dani Salgado, cuarto para os seus, cando apenas se cumprise un minuto da segunda metade o xogador visitante aproveitou un rexeitamento tras unha primeira parada de Marcos Vara.

Malia a expulsión de Dani ‘Chinés’ con dobre tarxeta amarela, o conxunto galego insistía en ataque buscando reducir distancias no marcador. Nos mellores minutos do Santiago Futsal na segunda parte, o terceiro dos galegos puido chegar das botas de Borja primeiro, e de Iván Rumbo despois, pero Didac estivo acertado baixo paus para evitar o tanto visitante.

Con porteiro xogador en pista por parte do Santiago Futsal, Dani Salgado faría o quinto para os locais cun remate a porta baleira aproveitando o cambio de porteiro do conxunto galego.

No ataque de cinco, Santiago Futsal recuperou intensidade e conseguiu o dominio do balón, pero non lograba rematar o seu dominio en gol. Cando restaban un minuto para o final do encontro, Iván Rumbo asinaría o terceiro para os seus, pero sen tempo xa para lograr a igualada.

23 de xaneiro de 2015 | 23:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.