O Santiago Futsal afronta unha semana na que disputará dous encontros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O equipo do Santiago Futsal regresou esta mañá ao traballo nunha semana na que terá dobre cita co fútbol sala. Esta noite xógase o pase ás semifinais da Copa Xunta e o venres recibe un El Pozo Murcia que vive o mellor momento da tempada con 9 vitorias consecutivas.

A primeira das citas da semana terá lugar esta noite en Lugo, onde o Santiago Futsal se medirá ao C.P Casás ás 21 h no Municipal de Lugo. O equipo branco busca o pase á semifinal dun torneo do que defende título, e do que ostenta seis trofeos, sendo o equipo de Galicia con máis Copas Autonómicas.

A segunda cita da semana será o venres. Os de Santi Valladares reciben a El Pozo Murcia nun encontro que pode ser clave para recuperar a senda da vitoria. Ademais, o conxunto local quere brindar á súa afección a primeira vitoria do ano, ante un rival que chega na segunda posición da táboa tras conseguir a novena vitoria consecutiva.

Para o encontro do venres ante El Pozo Murcia, o club mantén o prezo das entradas: 10 € adulto, 5 € xuvenil (13-17 anos) e 2 € nenos. Como en todos os partidos, os subscritores accederán de xeito gratuíto e ademais, poderán retirar 2 entradas por un prezo de 5 € cada unha.

Os asistentes ao encontro poderán participar no sorteo dun vale de 150 € para cambiar na Praza de Abastos de Santiago de Compostela que se sorteará no descanso do partido. O prezo das rifas para o devandito sorteo será de 1 € e poderanse comprar no vestíbulo de acceso ao pavillón.

12 de xaneiro de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.