O Santiago Futsal acada o pase a semifinais de Copa Xunta

Santiago Futsal asegurou onte en Lugo o pase a semifinais de Copa Xunta, ao superar o CP. Casás por un resultado de 1-2 que se fixo valer dende a primeira parte do encontro.

Nos primeiros compases do encontro, os de Santiago chegaban con maior perigo á área contraria, con ocasións de Diego Quintela e Lucas Bolo que freaba o meta local. Nunha desas chegadas visitantes, Lucas aproveitaría o rexeitamento dun tiro afastado de Chus que desviou o porteiro para facer o primeiro dos de Santiago.

Aos sete minutos do comezo, Dani ‘Chinés’ ampliaría a vantaxe para os seus nun tiro de falta directo ao bordo da área que pega con moita potencia ao que nada puido facer o meta local. Pouco duraría a vantaxe dos dous goles no marcador, pois o xogador do CP Casás, Julio, aproveitaría un balón dentro da área tras un centro pola banda dereita para facer o gol local.

Malia o intercambio de ocasións en ambos os dous conxuntos, chegaríase ao descanso polo marcador de 1-2.

Na segunda metade, o conxunto local buscou a igualada por medio de Julio, que estrelaría un balón no pau nun saque de falta e que fixo que Marcos Vara tivese que empregarse baixo paus, pero ao que non logrou superar.

Con este resultado, o Santiago Futsal consegue o pase a semifinais de Copa Xunta onde se medirá o Prone Lugo, de novo no Municipal de Lugo, en data aínda por confirmar.

13 de xaneiro de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.