O Rio Natura Monbus Obradoiro quere o impulso da afección ante o Morabanc Andorra
O baloncesto do Rio Natura Monbus Obradoiro volve este fin de semana ao Fontes do Sar para xogar contra o Morabanc Andorra (20.00 horas – non televisado) o último partido na casa da primeira volta da Liga Endesa, que se achega así ao seu ecuador.
O equipo quere volver contar cos afeccionados que o animaron contra o F.C. Barcelona, polo que lanza para todos os asistentes desa cita, ben subscritores ou ben afeccionados que compraron a súa entrada, unha promoción exclusiva pola que poderán adquirir outra entrada para este encontro por tan só 9 euros. Só terán que presentar nas oficinas do club o seu carné ou a súa entrada usada.
Os prezos xerais das entradas para este partido son de 19 euros en Tribunas 2 e Fondos, 24 euros en Tribunas 1 e 29 euros en Tribunas Retráctiles. Terán prezos reducidos os menores de 18, estudantes menores de 25, maiores de 65 ou desempregados e federados do ámbito do baloncesto, que acreditando a súa condición poderán comprar entradas a 19 euros en Tribunas 1 ou 15 euros en Tribunas 2 e Fondos.
Os pases pódense adquirir nas oficinas do club de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, en despacho o día do partido, ou as 24 horas do día a través da páxina web do club.
Ademais, quen se queira subir ao barco para ver a segunda parte da competición realizando un aboamento de segunda volta, tamén terá incluído nel este encontro ante os andorranos como obsequio. Os prezos dos aboamentos van dos 110 aos 330 euros, e existen descontos por pertencer aos grupos de prezo reducido, así como un 30% para accionistas con máis títulos dos mínimos, un 10% para subscritores da pasada campaña ou un 5% para subscritores de tempadas anteriores. Se a persoa a aboarse asistiu ao partido ante o F.C. Barcelona e conserva a súa entrada, o prezo desta seralle descontado do aboamento en modo xeral.











