O rexedor de Monforte celebra a dimisión do presidente de Sogama
O alcalde de Monforte (Lugo), Severino Rodríguez, celebrou este venres a dimisión do presidente de Sogama, Luis Lamas, a quen acusou de “prepotencia” e “desprezo” a raíz do incremento, logo rectificado, do recibo aos concellos polo tratamento de lixos.
Para Rodríguez, a dimisión de Luis Lamas evidencia os “resultados” da súa actitude de “prepotencia e desprezo” cara aos concellos que se opuxeron a esta suba. Monforte, de feito, chegou a deixar de aboar as facturas de Sogama a raíz desta decisión.
Lamas abandona o cargo logo de recoñecer un erro na adxudicación polo CETAL, sendo tesoureiro, de varios contratos ao bufete de avogados do que é socio.
Para o alcalde de Monforte non é máis que “unha metáfora do que representa o Partido Popular, que se pasan a vida dando aos demais leccións de moralidade, de ética e eficiencia e eles fan o que lles dá a gana”.
Rodríguez confía que a persoa que tome o relevo de Lamas á fronte de Sogama “sexa unha persoa distinta e cando menos dialogue e aborde os problemas coas institucións e os responsables institucionais dende o diálogo e a colaboración”.











