O rexedor de Cervo destaca o traballo da administración e o sector apícola na loita contra a avespa asiática

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo hoxe unha valoración da reunión mantida onte en Santiago de Compostela á que acudiron representantes da Xunta de Galicia, das diferentes asociacións de apicultores e el mesmo en calidade de vicepresidente da Fegamp. Unha xuntanza que Villares cualifica de “moi positiva”, xa que nela se abordaron os traballos que levan feito administración e apicultores para reducir o impacto da vespa velutina en Galicia e se analizaron os resultados das medidas adoptadas ata o de agora.

O rexedor explica que na reunión déronse datos sobre a situación actual en relación á avespa asiática, tanto en Galicia, onde leva instalada preto de dous anos, como noutras comunidades como Euskadi, ou outros países como Francia. En todos os casos “a loita contra a velutina non está sendo fácil, pero temos que seguir traballando para reducir todo o posible as consecuencias para os nosos produtores”. A situación de Euskadi ou Francia é bo exemplo das dificultades que existen para frear a expansión desta especie invasora. En ambos lugares leva asentada uns dez anos e neste tempo foi imposible erradicala.

Do mesmo xeito, o alcalde destaca a “boa disposición da Xunta e tamén do sector apícola para traballar de forma conxunta para reducir o impacto da avespa asiática, e tamén para estudar e buscar novas medidas que sirvan de complemento aos protocolos que está aplicando o Goberno galego”. Villares agradece á Xunta “os medios que está destinando” e lembra que na reunión de onte a administración autonómica anunciou que entregará máis trampas e atraentes coincidindo coa etapa de renovación da vespa velutina, que recupera a súa actividade nos meses de febreiro e marzo creando novos nidos.

20 de xaneiro de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.