O restaurante A Fábrica saca a concurso público a súa carta
O histórico restaurante de Santa Cristina organiza un concurso de receitas para elixir un prato estrela co que completar a súa carta de inverno.
Nestes tempos nos que están tan de moda os concursos de cociña como o traballo colaborador, o restaurante A Fábrica situado ao lado do mar na localidade de Santa Cristina, a escasos minutos da Coruña, lanzou un concurso no que invita os seus clientes e calquera interesado a propoñer os seus pratos favoritos para incorporalos na súa nova carta de inverno.
Pode participar calquera que estea disposto a compartir a súa receita co equipo da Fábrica a través de Facebook. Nunha primeira fase todas as receitas enviadas serán sometidas a votación popular a través das redes sociais do restaurante. Os tres participantes máis votados pasarán á fase final na que deberán preparar o seu prato diante dun xurado ao máis puro estilo “Máster Xefe de cociña”.
O gañador do concurso recibirá como premio a inclusión do seu prato na carta e 2 euros a consumir na Fábrica por cada vez que se sirva o seu prato, mentres que os finalistas recibirán un menú degustación para dous.
A participación xa está aberta a través da páxina da Fábrica en Facebook.











