O PSOE de Ordes considera “lamentable” que PP e BNG non respalden nomear filla predilecta a Isabel Zendal Gómez
O PSOE de Ordes considera “lamentable as críticas do BNG e o silencio cómplice do PP para evitar o nomeamento de Isabel Zendal Gómez como filla predilecta do Concello de Ordes, cando foi a única muller que participou na Expedición Filantrópica do doutor Balmis que distribuíu de xeito gratuíto a primiera vacina contra a variola por todo o mundo”. Unha proposta presentada na sesión plenaria de onte xoves e que, ao non conseguir o apoio de un representante de cada grupo político municipal (tal e como esixe o Regulamento de Honores e Distincións do Concello de Ordes), foi retirado polo propio PSOE e agora será presentado directamente polo alcalde de Ordes na próxima sesión plenaria.
O voceiro municipal do PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, considera especialmente triste o feito de que “o BNG poña en dúbida se naceu ou non en Ordes e que queira desprestixiar un estudo realizado por un historiador polo único feito de que foi publicado nun medio de comunicación que non lle gusta. É lamentable tanto a actitude do BNG como o silencio cómplice do PP cando grazas a esta muller se puido repartir a vacina contra a variola por todo o mundo”. Ademais, Pedreira lembrou que non lle faltan méritos a esta ordense pois “a Organización Mundial da Saúde a ten recoñecida como a primeira enfermeira da historia en misión internacional, está considerada a primeira enfermeira da historia da sanidade pública en México e grazas a persoas coma ela hoxe non hai problemas coa variola en Ordes”.
Hepatite C
Así mesmo, os socialistas aceptaron trasladar a unha comisión o debate da bonificación do 90% do ICIO para a eliminación de barreiras arquitectónicas ou para adaptar vivendas particulares a persoas en situación de dependencia ou con calquera tipo de minusvalía. Unha comisión na que os socialistas solicitarán incrementar esta bonificación do 75% ao 90%.
O resto das propostas socialistas saíron adiante no pleno. Pedreira agradece o apoio de todos os grupos municipais para instar ao Goberno Galego a que adopte medidas urxentes ante o Goberno de España para garantir o acceso ás novas terapias para os doentes de hepatite C que o precisen, dos que hai uns 700.000 casos a nivel nacional e dos que máis de 200 están adscritos ao centro de saúde de Ordes.
Así mesmo, o alcalde de Ordes tomou en consideración as distintas peticións presentadas polo grupo socialista para o pulido dos bordillos na rúa Alfonso Senra, cuxas arestas están a producir roturas dos pneumáticos dos coches ao aparcar á altura do número 157; a reparación dun tramo da rúa Recreo, entre o parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente e a Rúa Mediodía; o arranxo con aglomerado ca intersección entre a rúa Mediodía e a N-550; e a reparación dos cruces das pistas centrais da concentración parcelaria, onde tamén é preciso colocar a sinalización viaria precisa; o mantemento das xardineiras na ampliación da Alameda; o arranxo das baldosas deterioradas na beirarrúa da Rúa do Mercado e que se solucionen os problemas de cobertura de Radio Ordes.











