publicidade hoxe

O PSOE de Fene reclama solucións ao problema de seguridade viaria nas curvas de Santa Ana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O portavoz dos socialistas de Fene, Antón Noceda, considera inadmisible que o alcalde, o popular Gumersindo Galego, esperase ata decembro para realizar a primeira xestión co obxectivo de atallar o problema de seguridade viaria nas curvas de Santa Ana, un punto negro da estrada Betanzos-Fene no que se produciron o ano pasado unha vintena de accidentes, algúns deles con consecuencias mortais. Dende o punto de vista do PSOE, esta é unha mostra máis da incapacidade do PP para gobernar o noso concello e dar resposta aos problemas da cidadanía.

O grupo municipal do PSOE presentou xa en setembro, tanto en comisión coma en pleno, unha iniciativa solicitando ao goberno municipal que adoptase unha serie de medidas urxentes, orientadas fundamentalmente a mellorar o firme e a capa de rodadura, por unha banda, e a reforzar a sinalización vertical e horizontal en todo o tramo, por outra. As nosas propostas, unha vez máis, caeron en saco roto, mentres os accidentes de tráfico seguen a sucederse nas fatídicas curvas de Santa Ana.

O alcalde intenta xustificar a súa xestión dicindo que no mes de decembro reuniuse co responsable de Estradas na Coruña. Na opinión dos socialistas de Fene, sen embargo, o único que demostra é a pasividade do goberno municipal ante un asunto que calquera goberno responsable debería considerar prioritario, xa que o que está en xogo, engade Antón Noceda, é a seguridade dos nosos veciños e veciñas.

O portavoz socialista de Fene seguirá insistindo na necesidade de actuar nas curvas de Santa Ana e de acometer as melloras necesarias para garantir a seguridade viaria neste e noutros puntos da rede de estradas do noso concello.

27 de xaneiro de 2015 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.