O PSOE apoia os orzamentos para 2015 do Concello de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O PSOE de Ordes votou a favor dos Orzamentos Municipais do Concello de Ordes para 2015 na sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá. O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, admite que se trata duns orzamentos “nada ambiciosos e co recortes importantes pero iso é debido á ausencia de convenios de colaboración que a Xunta e a Deputación asinan con outros municipios do seu mesmo signo político pero que non fan con Ordes”, pero indica que “votamos a favor porque recollen todas as demandas que nos fixeron os veciños, así como un importante incremento na partida de Servizos Sociais”.

O voceiro municipal socialista criticou a postura de PP e BNG, “que están instalados no non polo non e non dubidan de facer unha pinza para tratar de dificultar todo o que se poda facer, poñendo sempre por diante os seus intereses de partido sobre o benestar dos veciños e veciñas de Ordes”. Unha actitude que contrapón á mantida polo PSOE de Ordes: “presentamos unhas propostas en decembro en base ás peticións que nos fixeron os veciños e todas foron aceptadas. Incluso na que tiñamos máis dúbidas, como era o incremento da partida de Servizos Sociais, finalmente medrará un 10%, polo que en dous anos teremos conseguido aumentar nun 20% a partida destinada a Servizos Sociais en Ordes”.

As outras propostas socialistas recollidas nos Orzamentos Municipais de 2015 son o arranxo do pavillón polideportivo co colexio Campomaior, incremento da partida destinada a limpeza de camiños municipais, a construción dunha pista de tenis e de baloncesto na cidade deportiva de Vista Alegre, unha nova partida para apoio ao comercio local e outra partida para poñer en funcionamento o Centro de Emprendedores, que finalmente se emprazará no inmoble do antigo Centro Comarcal. Neste punto, Pedreira indica que “é triste que o Concello teña que poñer 24.000 euros para un proxecto de investigación sobre o cancro cando proxectos tan importantes deberían contar co apoio do Goberno central ou da Xunta de Galicia, que seguen apostando polas tesoiras en vez de polo I+D”.

26 de xaneiro de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.