O PSdeG esixe máis médicos e enfermeiros no Meixoeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press

A voceira de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Acuña, esixiu este mércores que, “de forma urxente”, se dote o hospital vigués Meixoeiro de máis médicos e enfermeiros, co fin de paliar o “caos” que se está a padecer no seu servizo de urxencias.

Tras unha reunión con médicos deste centro hospitalario, a deputada do PSdeG anunciou distintas iniciativas parlamentarias para combater esta situación, pois “a seguridade e a atención non están garantidas”. Neste escenario, demandou unha vez máis a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

Pola súa banda, Antonio Fernández, médico de urxencias, explicou aos xornalistas que o servizo no que traballa sofre “unha infradotación de servizos, de recursos humanos en xeral e de asistencia aos pacientes” que “se repite semana tras semana dende hai bastante tempo”. “Implica que sempre estamos a traballar ao límite”, resaltou.

De feito, esta situación levounos a poñerse en folga e, a día de hoxe, as reivindicacións mantéñense. O que piden os profesionais, como indicou o facultativo, é “un pacto de mínimos” para o reforzo das quendas sobre a base do número de pacientes que se atenden e á “complicación” dos casos.

“Nós estamos infradotados en canto a recursos humanos cunha presión asistencial similar, ou mesmo menor”, argumentou, para indicar que en Ourense e Pontevedra se están a poñer “máis médicos por cada quenda”.

“XESTIÓN NEGLIXENTE” DA XUNTA

Ao fío diso, a preguntas dos informadores, puntualizou que, se ben a xestión da Xunta é “totalmente neglixente”, as xerencias doutros hospitais teñen unha “sensibilidade” maior á do Meixoeiro.

“Vemos que se reforza a atención extrahospitalaria, o PAC do Porriño, o PAC de Ponteareas, e a nós négasenos, lamentou Antonio Fernández, quen atribuíu esta situación á “soberbia” da dirección do centro.

En canto á súa situación, detallou que cada quenda a cubran tres médicos -ao igual que o PAC de Ponteareas en determinados momentos- e que poden recibir máis de 100 persoas. “Comparar estes servizos e que a dotación de persoal sexa a misma”, evidenciou.

No que atinxe á Xunta, subliñou que “a xestión é cero” pois “ninguén moveu ficha” e “non” se fixo “ningún tipo de reforzo” malia que houbo días que as esperas dos pacientes foron de “oito ou nove horas”.

“PROBLEMAS, CON MÁIS FACILIDADE”

Preguntado ao respecto, Antonio Fernández indicou que, ao contar cun número “deficiente” de recursos humanos en urxencias, as esperas “son máis longas” e “todo se pode complicar”. “Se non damos abasto, se sempre estamos ao límite os problemas xorden con máis facilidade”, afondou.

Finalmente, sobre os corredores, dixo que unicamente se atenderán as “emerxencias”. ” Se non, hai que buscar un sitio. A dignidade do paciente está por enriba de todo”, razoou.

Con todo, indicou que o servizo de enfermaría si subministra certos tratamentos nos corredores, debido á “escaseza de recursos e de espazo físico” e tamén á “sobrecarga de atención”. “É que non ten lugar, non podes poñelos noutro sitio”, sinalou.

Así é que, segundo as súas propias palabras, a asistencia está a ser “limitada e deficiente”. “Os pacientes están nunhas condicións malas, nos corredores, pasan moitas horas de espera, as medidas de confort son nulas… “, enumerou, antes de apostilar: a seguridade dos pacientes, como a nosa, do noso traballo” é deficiente.

28 de xaneiro de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.