O Prone Lugo F.S. volve a sumar

Encontro Santiago – Prone Lugo
Chegaba o Prone Lugo F.S. ao derbi de Santiago en busca dunha vitoria que lle permitise aumentar os seus puntos na clasificación, pero que lle dese un plus de moral para seguir crendo na permanencia en Primeira División. O equipo de Manolo Vázquez chegaba en boas condicións ao derbi, posto que o técnico podía contar con todo o plantel por primeira vez na tempada, feito que motivou que viaxase con 14 xogadores para o partido, tendo que descartar nos momentos previos ao partido ao porteiro Areñas e a Cospe que volvía logo de catro meses lesionado.
Os de Manolo Vázquez saíron coa intención de levarse os tres puntos a Lugo, non puideron ser tres pero si puideron volver sumar 15 días logo de facelo en Tenerife. Realizaron os lucenses un bo traballo para poder empatar o partido antes do descanso, e logrando manterse no partido en todo momento.
Nada máis empezar a segunda metade o Prone Lugo logrou poñerse por diante cun gol de Nacho Pedraza de penalti. Pouco durou a alegría aos lucenses, pois un erro de Rubén Mouriz permitía ao Santiago Futsal empatar no minuto 24 co seu gol en propia porta. Ese gol provoco uns minutos de desconcerto nos xogadores de Manolo Vázquez que os locais aproveitaron para poñerse por diante. Intentárono os lucenses na superioridade numérica trala expulsión do local Borja, pero os santiagueses defendéronse ben e o marcador non se moveu nos dous minutos de inferioridade. Intentábao Manolo Vázquez colocando a Nacho Pedraza como porteiro xogador, e obtiña os seus froitos pois a falta de pouco máis de dous minutos para o final Antonio Diz lograba colocar o empate no marcador. A falta dun minuto para o final Nacho Pedraza aproveitaba o primeiro dobre penalti da noite para dar a volta ao marcador e poñer o 3-4, pero a falta de 24 segundos para o final e tras unha falta absurda Santiago Futsal dispoñería do seu primeiro dobre penalti, que sabería aproveitar Gallego para poñer o 4-4 definitivo, tivo a última o Prone Lugo pero o marcador non se moveu máis, e os puntos repartíronse tras un derbi que para nada mostrou a diferenza de puntos entre ambos equipos.











