O Programa de Ocio da Coruña ofrece 2.000 prazas nos 80 talleres do Ágora e do Fórum Metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa do inicio da tempada de primavera do Programa de Ocio do Centro Ágora e do Fórum Metropolitano que, nesta edición, ofrecerá máis de 80 talleres.

As actividades terán temáticas tan variadas como son os 11 talleres sobre historia e arte, que tratan a pintura, a escultura, a mitoloxía ou os museos; sobre a cidade haberá 6 actividades que van dende paseos para redescubrir a historia da cidade ata o coñecemento e estudo da arquitectura urbana. O teatro ofrece 5 talleres. Tamén terá presenza a literatura con 7 talleres. A música protagonizará 5 actividades para descubrir moitos xéneros como a ópera; e haberá 2 propostas de astronomía e outras 2 para fotografar os lugares máis insospeitados da cidade. Propóñense 2 talleres novidosos sobre o medio natural para descubrir o paisaxismo chinés ou a natureza máis próxima; ademais dos 10 talleres de cociña totalmente distintos, dende cociña con especies, específica para a cultura do tupper, italiana, repostaría creativa… que albergará a cociña da Ágora. Tamén se ofertan 10 propostas para maiores de 70 anos ou distintos talleres da actividade motora, o corpo e a danza.

Destacan, tamén, os 2 talleres monográficos sobre o mar e Pablo Picasso, nos que terán presenza as temáticas anteriores cunha sesión especial de cada un deles. A oferta complétase con actividades para nenos e adolescentes os sábados pola mañá.

A oferta de prazas en ambos os dous edificios é de 2.000 prazas, con 45 talleres na Ágora e 42 no Fórum Metropolitano. O prezo é de 30 euros por taller, 21 euros para os maiores de 65 anos.

Os interesados en participar poderán realizar a preinscrición os días 23 e 24 de xaneiro na conserxaría dos centros, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O sorteo realizarase o luns 26 de xaneiro na consellaría da Ágora e o 27 de xaneiro publicaranse os listados. A inscrición e aboamento realizarase os días 27 e 28 de xaneiro. As actividades comezarán o 2 de febreiro.

19 de xaneiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.