O programa de Entroido da Laracha inclúe diversas actividades para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha presenta o programa municipal de actividades que organiza con motivo da celebración das Festas do Entroido e que se desenvolverá do 15 ao 18 de febreiro. As propostas van dirixidas a todos os públicos, sendo os nenos os principais protagonistas dos eventos do domingo, do luns e do mércores, e o público en xeral o encargado de amenizar o tradicional concurso de disfraces do martes de Entroido, data establecida como festivo local no Concello da Laracha.

Así, o domingo 15 de febreiro, tal e como é costume neste programa, celebrarase no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís o evento coñecido como o Baile da piñata. A xornada, que comezará ás 18.00 horas, estará amenizada pola orquestra Israel Espectáculo e, ademais dos xogos que se realizarán, repartiranse larpeiradas a todos os rapaces que acudan disfrazados.

Concurso de disfraces

O evento central do programa será o tradicional concurso de disfraces, un certame dirixido a todos os públicos no que este ano se repartirán máis de 2.500 euros en premios. Terá lugar o martes de Entroido, data fixada como festivo local no Concello da Laracha.

As categorías establecidas son as seguintes:

– Individual infantil (ata 12 anos).

– Individual adulto (a partir de 13 anos).

– Parellas infantil (ata 12 anos).

– Parellas adulto (a partir de13 anos).

– Grupos (de 3 a 8 compoñentes).

– Comparsas (máis de oito compoñentes)

A xornada desenvolverase na Praza do Concello (en caso de condicións climatolóxicas desfavorables, no pavillón do IES Agra de Leborís) e iniciarase ás 17.30 horas cunha verbena amenizada pola orquestra Trébol. No descanso da mesma terá lugar o certame.

As persoas, grupos e comparsas que desexen participar e optar aos premios deben anotarse no Concello do 2 ao 16 de febreiro en horario de oficina, ou ben o propio martes de Entroido antes do inicio da verbena.

Obradoiros para os nenos

Os alumnos e persoal docente dos módulos de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e de operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas do Obradoiro A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego II organizan e desenvolverán unha serie de actividades e propostas educativas para os nenos que se realizarán durante o Entroido.

Caretarízate é o título do obradoiro de disfraces e caretas que terá lugar o luns día 16 de 11:00 a 12:30 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Vai dirixido a nenos a partir de seis anos de idade.

O mércores 18 realizarase o obradoiro de globoflexia e maquillaxe Cámbiame ese careto, tamén no baixo da biblioteca municipal da Laracha e en horario de 11:00 a 12:30 horas, pero neste caso abrindo a inscrición para nenos maiores de tres anos de idade.

O mesmo día, o mércores, nenos maiores de oito anos de idade participarán na actividade denominada Forra os teus aforros, un obradoiro de carteiras cómic que se realizará na Casa da Cultura da Laracha desde as 17:00 ata as 18:30 horas

En todos os casos hai trinta prazas dispoñibles que se outorgarán por orde de inscrición, que é gratuíta, no Concello da Laracha.

31 de xaneiro de 2015 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.